O Ciclo de Cultura Científica da Xunta afonda no impacto da intelixencia artificial na educación da man do investigador Francisco Bellas
A segunda edición do Ciclo de Cultura Científica da Xunta, co lema Tecnoloxía con sentidiño, afonda esta semana nun dos aspectos de maior actualidade sobre o impacto da tecnoloxía na sociedade: a intelixencia artificial. Será da man de Francisco Bellas Bouza, investigador e especialista en intelixencia artificial do Centro de Investigación en TIC da Universidade da Coruña.
Baixo o título Educación na era da intelixencia artificial: vaiamos a modo, a conferencia centrarase nos novos retos que supón a aparición da intelixencia artificial, especialmente de ChatGPT no ensino, ofrecendo unha visión realista e fundada sobre se estas novas ferramentas dixitais constitúen ou non unha auténtica revolución educativa. O obxectivo é axudar a docentes, estudantes e familias a coñecer as súas limitacións, beneficios e riscos.
O relatorio poderá seguirse de forma presencia no auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia, de 18,00 a 19,30 h., e tamén será retransmitida en streaming na canle de YouTube da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Penúltima cita do ciclo
A segunda edición do Ciclo de Cultura Científica da Xunta, baixo o lema Tecnoloxía con sentidiño, vai chegando ao seu final, tras as conferencias de Héctor Ruíz Martin, Espido Freire, José César Perales, Juanjo Montiel e Javier Sainz de los Terreros.
A última conferencia desenvolverase o 11 de xuño, da man de Luis Sánchez Santos, profesional sanitario do Sergas. Achegará unha visión desde a pediatría e as Ciencias da saúde co relatorio Cruzando saúde infanto-xuvenil e tecnoloxía.
O ciclo está dirixido ao público en xeral, comunidade educativa e aos docentes. O profesorado asistente ao ciclo completo recibirá un certificado de 12 horas de formación do profesorado. Coas charlas configurarase un libro, cun artigo específico para cada unha delas.