publicidade hoxe

Ana Cela presenta en Lalín o seu primeiro libro “Mamá, sorrí sempre”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínLocal PortadaPontevedraPortada dereita
A-
A+

O Museo Municipal Ramón María Aller de Lalín acolle este sábado 8 de xuño, ás 12:00 h., a presentación do libro Mamá, sorrí sempre, da autoría da xornalista Ana Cela e publicado por Edicións Fervenza. No acto, acompañarán á autora os xornalistas Alfonso Loño e Laura Filloy.

O libro

Esta ópera prima da xornalista Ana Cela xurde como unha porta cara a liberación, mostrar aos lectores que o camiño das enfermidades mentais non é alleo ata á persoa máis riseira que poidamos coñecer. Neste conxunto de relatos, de corte autobiográfico, Ana Cela, describe con detalle esa andaina, como un día, sen previo aviso, sentes como o chan se abre e caes nun pozo profundo. Sen necesidade de ningún suceso traumático o teu mundo desmorónase e non sabes a causa dese sentimento tan profundo que está acabando coa túa alma. Pero incluso nese intre no que semella que todo se acaba aparece ese resorte que aporta a forza para intentar saír desa escuridade na que te atopas e que, no caso da autora, veu da man dunha nota da súa filla pequena, Sofía, e un claro mensaxe: “Mamá, sorrí sempre”.

Así nace esta obra, para dicirlle aos lectores que se atopen nunha situación semellante que non están sos, que eses sentimentos aos que non poden por nome tamén outros os sentiron e, ao mesmo tempo, para que os que convivan con alguén que a está a sufrir ese pozo poidan entender o que lle está a suceder.

Pero non só está destinado a eles, senón tamén para acabar cos tabús da nosa sociedade. O difícil que resulta entender e que entendan que acudir a un psicólogo ou a un psiquiatra non debería ser un estigma social e que a depresión e a ansiedade son enfermidades contra as que loitar nunha ardua e longa travesía.

Pois tal e como a mesma Ana Cela indica, para entender realmente o que che está a suceder “hai que estar mergullado nese pozo, todo o demais son teorías e opinións que, en esencia, non serven para nada. Primeiro, porque tenden a ridiculizar e subestimar estas doenzas da alma e, segundo, porque un non pode facer un retrato fidedigno do demo se nunca o mirou á cara”.

Colaboracións

A publicación deste libro, editado por Edicións Fervenza, contou coa colaboración do Concello da Estrada e a secretaría xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

A autora

Ana Cela Neira nace en Oroso no ano 1981. Medrou  dacabalo entre Sigüeiro e A Estrada, ata que a vida profesional e a persoal teceron para ela fogar nas terras de Tabeirós. De nena xogaba a presentar informativos e a crear xornais nos que as novas inventadas se facían cadrar cos recortes de revistas. Non é de estrañar que acabase estudando Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela. Malia que escolleu a rama audiovisual, pronto soubo que o que lle gustaba era a escrita e, dende hai case dúas décadas escribe nas páxinas de Faro de Vigo, na súa edición de Deza-Tabeirós.

Mamá, sorrí sempre son as liñas dunha experiencia completamente persoal que comparte dende o convencemento de que eliminar tabús, estigmas e prexuízos non só é liberador, senón un hábito saudable como sociedade.

6 de xuño de 2024 | 19:24 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario