A Xunta traballa para que Galicia sexa un polo de atracción industrial no ámbito da economía verde e dixital
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, subliñou hoxe que a Xunta está a traballar para que Galicia sexa un polo de atracción industrial dentro da Península Ibérica, especialmente no ámbito da economía verde e dixital.
Lorenzana participou no Congreso da Real Academia de Ciencias Económicas e Financeiras onde sinalou que con este obxectivo o Goberno galego está a ofrecer a máxima axilidade administrativa e medidas de apoio ao tecido produtivo para seguir medrando e creando emprego de calidade.
Na súa intervención, a conselleira puxo en valor o papel da Oficina Económica de Galicia que no seu primeiro mes de funcionamento xa recibiu máis de 900 consultas de empresas e que se configura como unha xanela única que coordine o apoio da Administración autonómica ás iniciativas desde as primeiras fases dos proxectos con persoal especializado para ofrecer unha canle única entre a Xunta e a empresa, e un punto de contacto de información e asesoramento.
Por outra banda, a titular de Economía e Industria incidiu en que a Xunta avoga por desenvolver unha estratexia de política industrial integrada e responsable para facer un aproveitamento sostible dos recursos naturais de Galicia, co impulso dunha industria de alto novel tecnolóxico e innovador.
Na mesma liña sinalou que o Goberno galego vai aprobar plans directores de impulso aos sectores industriais estratéxicos galegos e a desenvolver un mapa industrial de Galicia con información relevante dos distintos sectores.
Lorenzana tamén destacou que os fondos europeos brindan unha gran oportunidade e reclamou unha vez máis ao Goberno central unha mellor planificación dos recursos europeos, máis axilidade na asignación e na execución, e unha cogobernanza real coas Comunidades Autónomas.
Segundo explicou, existe unha desconexión importante entre as necesidades do tecido empresarial galego e o deseño dos Perte e explicou que é necesario acompasar esas axudas ás verdadeiras necesidades do tecido empresarial e aos tempos de execución dos proxectos.
Finalmente, María Jesús Lorenzana apuntou que a Xunta vai seguir ofrecendo axilidade, facilidades nos procedementos, acompañamento, fiabilidade e sobre todo, vontade de que Galicia se converta na Comunidade máis atractiva para as empresas e para os novos investidores.