A Xunta realizou no que vai de ano actuacións de conservación en máis de 150 quilómetros de ríos galegos cun investimento dun millón de euros
A Xunta de Galicia realizou no que vai de ano 78 actuacións de conservación e mantemento en máis de 150 quilómetros de ríos da demarcación Galicia-Costa cun investimento de máis de 980.000 euros.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, que visitou hoxe o río Artes, en Ribeira, explicou que este tipo de traballos consisten na retirada de árbores caídas nas canles fluviais, a limpeza das marxes, o control de especies exóticas invasoras e a eliminación de obstáculos que impidan o discorrer libre das augas.
Nesa liña, a responsable autonómica incidiu en que os 152 quilómetros nos que se leva actuado desde xaneiro equivalen á distancia que hai entre A Coruña e Vigo e enmárcanse no Plan anual de actuacións en materia de conservación fluvial de Augas de Galicia. Ao abeiro del execútanse tanto traballos programados como non programados -aqueles solicitados por terceiros ou necesarios por incidencias puntuais-, para os que o organismo autonómico conta con 1,5 millóns de euros de orzamento para as actividades a desenvolver na segunda metade do ano.
A titular de Medio Ambiente e Cambio Climático incidiu en que todos estes labores buscan ter unha mínima incidencia no ecosistema, recuperar o bo estado dos ríos e mitigar os riscos de asolagamento. Neste sentido, a finalidade última é manter as condicións naturais das canles fluviais, recuperar a súa funcionalidade xeomorfolóxica, eliminar especies invasoras ou alóctonas e retirar os restos de vexetación co fin de evitar inundacións naturais das zonas adxacentes.
Ángeles Vázquez tamén lembrou que ao labor que realiza a Xunta se suman as solicitudes que poden presentar os particulares para a retirada de árbores e que, no caso de actuacións de mínimo impacto, adoita tramitarse con celeridade e coa presentación dunha simple declaración responsable.
As accións realizadas este ano dan continuidade ás executadas nos últimos exercicios ao abeiro do Plan Autonómico de Conservación dos Ríos da Demarcación Galicia-Costa. De feito, só entre 2022 e 2023 realizáronse preto de 300 actuacións en máis de 430 quilómetros de canles fluviais cun investimento de arredor de 4,6 millóns de euros.
Visita Ribeira
A actuación que visitou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático no río Artes afecta a un tramo duns 900 metros entre as parroquias de Santa María de Olveira e San Xián de Artes e a previsión é que os traballos se prolonguen durante 20 días.
Entre os labores a desenvolver polos operarios están a retirada de árbores caídas en varios puntos da canle fluvial ou das súas marxes así como a recollida daquela biomasa que obstaculiza o discorrer normal das augas. Os traballos realízanse mediante a aplicación de ferramentas manuais, o uso de motoserras, podadoras e rozadoiras co apoio de distinta maquinaria como un tractor, unha carretilla e un camión.