publicidade hoxe

A Xunta realiza a primeira xornada de probas de sirenas de aviso á poboación das presas de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada dereitaProvincias
A-
A+

A Xunta comeza hoxe coas probas de activación das sirenas de aviso á poboación adscritas ás presas con Plan de Emerxencia. Trátase de probas que non afectan á actividade diaria dos veciños, pero que nalgunhas zonas serán audibles. Con esta revisión preténdese garantir a súa operatividade e que a poboación das zonas augas abaixo recoñeza o son de aviso de evacuación. Na xornada de hoxe actívanse as sirenas de 24 das 39 presas previstas, así como as adscritas ao depósito de lodos vermellos en Xove. Mañá continuarase coas 15 restantes.

O exercicio estase a levar a cabo coa colaboración dos titulares das infraestruturas, isto é, Alúmina, Emalcsa, Endesa, Iberdrola, PHG, Naturgy, Xeal e Augas de Galicia.

En Galicia actualmente hai 46 plans de emerxencia de presa aprobados. Os obxectivos que se perseguen con este tipo de plans é ter definidas as estratexias para facer fronte a situacións que comporten risco de rotura ou avaría grave, coñecer as zonas que quedarían anegadas en caso de rotura, e ter previstos os sistemas de aviso tanto á poboación como aos organismos xestores de emerxencias. Así, búscase estar o mellor preparados posible para situacións que comporten riscos nestas instalacións e, deste xeito, garantir a seguridade da cidadanía da contorna.

Aposta pola prevención

A Xunta subliña a importancia que teñen este tipo de exercicios na mellora da coordinación efectiva entre as administracións e as empresas, así como para garantir a seguridade na zona e manter á poboación preparada para o caso de materializarse a situación de emerxencia.

25 de xuño de 2024 | 19:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.