publicidade hoxe

A Xunta lanza o novo Bono remuda para garantir o mantemento dos negocios como dinamizadores do territorio e xeradores de riqueza e emprego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada esquerdaProvincias
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a nova convocatoria da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que cun orzamento de 1,5 millóns de euros busca fomentar o traspaso de negocios e garantir a súa permanencia no seo do tecido produtivo galego. A orde enmárcase no Plan de remuda que está a funcionar ao abeiro da Rede de polos de emprendemento que ten 13 centros activos. Así, o obxectivo é evitar o peche de negocios por falta de remuda, ao tempo que se facilita que as persoas interesadas en emprender poidan recoller a testemuña dun negocio xa viable economicamente.

Así, a orde recolle que os negocios obxecto de remuda deben ter o domicilio social e fiscal en Galicia e estar inscritos na Bolsa de remuda da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego. Unha Bolsa á que se sumaron desde febreiro -cando se puxo en marcha- máis dun cento de empresas, máis da metade delas por xubilación e máis dun terzo das que teñen o proceso de traspaso activo pertencentes ao sector do comercio.

A remuda deberá estar motivada pola xubilación ou pola proximidade da idade de xubilación da persoa titular do negocio. Tamén por causas sobrevidas como incapacidade permanente total, absoluta ou gran invalidez, ou falecemento, e deben terse producido entre o 1 de xaneiro e o 30 de outubro de 2024.

En concreto, o Bono remuda conta con dúas liñas: a Liña 1-Bono remuda rural, para negocios situados en concellos de menos de 5.000 habitantes, á que se destina 1 millón de euros; e a Liña 2-Bono remuda xeral, para negocios situados en concellos de 5.000 habitantes ou máis, para a que se reserva o outro medio millón.

A contía da axuda do Bono remuda calcúlase en función do prezo estipulado no contrato de remuda do negocio, cunha porcentaxe de subvención do 75% no caso da liña 1 e do 70% na liña 2. Se trata dunha remuda mediante alugueiro do local e/ou medios produtivos, o importe da axuda será o correspondente aos primeiros 18 meses de alugueiro.

No caso do Bono remuda rural, a intensidade da axuda incrementarase nun 10% cando a persoa que adquire o negocio sexa emigrante retornada, estranxeira ou empadroada na mesma localidade na que se atope a actividade que se traspasa. Ademais, nas dúas liñas aplicarase un 5% de incremento se a persoas que se fai cargo é muller, menor de 30 anos, con 52 anos ou máis ou se o negocio traspasado ten máis de 5 traballadores. En total, a contía máxima subvencionable por remuda será de 30.000 euros.

Sobre o prazo para a presentación de solicitudes, estará aberto desde mañá ata o próximo 30 de outubro. Cómpre engadir que cada solicitante debe presentar un Plan de negocio, cun informe de valoración no que pode ser asesorado polo persoal técnico dos Polos de emprendemento. Un persoal dispoñible tamén para asegurar a boa marcha das transmisións de negocios no marco do Plan de remuda activo na Rede de polos, a maiores da páxina web dispoñible tanto para quen queira vender ou alugar a súa empresa como para quen busque acceder a negocios en traslado (https://polosemprendemento.gal/remuda-de-negocios).

6 de xuño de 2024 | 19:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.