O Sergas publica as puntuacións da fase de oposición dos procesos selectivos para 163 prazas de facultativo especialista de área
O Diario Oficial de Galicia recolle, na súa edición deste martes, a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se publican as puntuacións provisionais da fase de oposición da convocatoria de 163 prazas de facultativo especialista de área en máis de 30 especialidades.
En concreto, esta convocatoria para o ingreso en diversas categorías de persoal estatutario licenciado sanitario polo sistema de concurso-oposición oferta prazas de facultativo especialista de área na especialidade de alergoloxía (3), anatomía patolóxica (4), anestesioloxía e reanimación (7), anxioloxía e cirurxía vascular (6), aparello dixestivo (3), cardioloxía (12), cirurxía cardiovascular (1), cirurxía oral e maxilofacial (3), cirurxía pediátrica (1), cirurxía plástica, estética e reparadora (1), cirurxía torácica (1), cirurxía xeral e aparello dixestivo (6), dermatoloxía médico-cirúrxica e venereoloxía (4), endocrinoloxía e nutrición (1), hematoloxía e hemoterapia (3), medicina física e rehabilitación (4), medicina intensiva (5), medicina interna (9), medicina preventiva e saúde pública (3), microbioloxía e parasitoloxía (1), nefroloxía (3), neurocirurxía (6), neuroloxía (7), oftalmoloxía (12), oncoloxía médica (5), otorrinolaringoloxía (3), pediatría e as súas áreas específicas (8), pneumoloxía (4), psicoloxía clínica (2), psiquiatría (5), radiodiagnóstico (12), reumatoloxía (4), uroloxía (5), xeriatría (1), e nas categorías de médico de admisión e documentación clínica (1), médico asistencial do 061 (1) e médico coordinador do 061 (6).
Na web do Sergas faise público tamén o modelo definitivo de respostas dos distintos exercicios.
As persoas interesadas poderán presentar reclamación ante o tribunal do proceso selectivo no prazo de cinco días hábiles a contar desde hoxe mércores.