publicidade hoxe

O 97% das zonas do censo de augas de baño de Galicia ten unha clasificación sanitaria de excelente ou boa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada dereitaProvincias
A-
A+

O 97% das zonas rexistradas no censo de augas de baño de Galicia conta cunha clasificación sanitaria de excelente ou boa. Así se recolle no informe final sobre o Programa de vixilancia sanitaria das zonas de baño 2023 elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade presentado hoxe no Consello da Xunta.

O Goberno galego iniciará o vindeiro 1 de xuño unha nova campaña do Programa de vixilancia, tomando como referencia o informe final da pasada tempada.

Na pasada tempada, e con motivo da entrada en vigor do Decreto 175/2022, do 13 de outubro, sobre vixilancia sanitaria das augas de baño de Galicia, a Xunta fixo públicas as augas de baño que pasan a formar parte do novo Rexistro de Augas de Baño de Galicia, ben na sección I (augas de baño incluídas no Censo de zonas de augas de baño, na sección II (augas de baño en avaliación) ou na sección III (augas con prohibición permanente do baño).

Na sección I do rexistro da temporada 2023 figura un total de 498 zonas de baño, con 515 puntos de mostraxe que se atopan en 117 concellos.

Destes 515 puntos de mostraxe, o 91,8% obtivo unha clasificación sanitaria de excelente. Trátase dunha das mellores porcentaxes desde que se comezou a empregar o sistema de cálculo da clasificación sanitaria actual adaptado á normativa europea, en 2011, cando se situaba no 70,7%.

Durante 2023, o 5,4 % das zonas de baño obtiveron unha clasificación boa e o 1,2% unha clasificación suficiente. Tan só no 1,2% dos puntos de mostraxe analizados se atopou unha clasificación insuficiente, mentres que un 0,4% de puntos quedaron sen clasificar por haber dúas praias ás que non foi posible acceder.

En total, recolléronse máis de 5.000 mostras.

Por primeira vez, analizáronse as augas da área recreativa de Brocos, no encoro de Portodemouros, no concello de Agolada (Pontevedra) e o resultado da súa avaliación sanitaria foi de excelente.

En xeral, obsérvase unha tendencia á mellora na calidade das augas de baño cada temporada, ao se incrementar a porcentaxe de praias con clasificación sanitaria de excelente e diminuír aquelas con clasificación sanitaria insuficiente.

A vixilancia sanitaria realizouse no 96,2% dos puntos de mostraxe censados, agás nas dúas zonas de baño inaccesibles. O 100% dos episodios de contaminación foron comunicados aos concellos implicados.

Esta vixilancia é importante porque o uso recreativo das augas de baño pode ter perigos e riscos para a saúde dos usuarios. A contaminación bacteriana pode provocar gastroenterite ou enfermidades respiratorias nas persoas que se bañen en augas contaminadas. Aínda que estas enfermidades raramente son graves, o número de persoas expostas pode ser elevado debido á importante afluencia que rexistran praias, ríos ou lagoas.

Galicia, con respecto ao último censo nacional de 2022, conta co 21,4% das zonas de baño marítimas de España e o 3,1% en zonas continentais.

Información á disposición da cidadanía

A temporada de baño establécese, con carácter xeral, desde o 1 de xuño ata o 30 de setembro de cada ano. A vixilancia sanitaria das zonas de baño consiste na mostraxe periódica da auga destas zonas incluídas nas seccións I e II do rexistro. Recóllense en total 10 mostras de cada zona, unha antes do inicio da tempada e as nove restantes ao longo desta cunha periodicidade aproximadamente quincenal.

Nas mostras de auga analízanse os parámetros microbiolóxicos enterococos intestinais e Escherichia coli. Ao final da temporada, cos resultados obtidos calcúlase a clasificación sanitaria de cada zona de baño mediante o sistema descrito na Directiva 2006/7/CE. Tamén se leva a cabo a inspección anual de todas as zonas de baño e, en coordinación coas administracións competentes, a xestión do risco para a saúde derivado da exposición ás cianobacterias e ás súas toxinas nos encoros con zonas de baño.

Desde o inicio da temporada, infórmase da clasificación sanitaria das augas de baño e dos resultados microbiolóxicos obtidos nas mostraxes na páxina web da Consellería de Sanidade e no mapa de zonas de baño de Galicia.

Así mesmo, os resultados microbiolóxicos introdúcense no Sistema de información nacional de augas de baño (Náyade). Unha vez calculada a clasificación sanitaria final de cada zona de baño, publícase tamén na páxina web. Deste xeito, facilítase que todos os usuarios das zonas de baño teñan información suficiente e facilmente dispoñible sobre a calidade das augas.

No caso de augas con clasificación sanitaria insuficiente, a autoridade competente velará para que se adopten medidas que incluirán a prohibición do baño ou a recomendación de absterse deste, para evitar a exposición dos bañistas á contaminación. Tamén deberán determinarse as causas e motivos polos que non se acada a clasificación suficiente e adoptar as actuacións axeitadas para previr, reducir ou eliminar as causas de contaminación, ademais da comunicación á poboación desta información.

13 de maio de 2024 | 12:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.