A Xunta reivindica a xestión do Bono Alugueiro da Mocidade, que esgotou crédito con máis de 5.000 axudas concedidas
A Xunta reivindica a “exemplar” xestión do Bono Alugueiro da Mocidade do plan estatal , que esgotou crédito con máis de 5.000 axudas concedidas.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, respondeu hoxe no Parlamento a unha interpelación sobre esta prestación e subliñou a “impecable” xestión do bono, que permitiu “optimizar ao máximo os fondos e chegar ao máximo número de beneficiarios”.
Deste xeito, manifestou, o Goberno galego cumpriu “rigorosamente” tanto coa tramitación como cos prazos da convocatoria destas achegas, e a proba do éxito desta xestión é que se ten “executado a totalidade dos fondos asignados a Galicia”. “Todos os bonos de alugueiro -afirmou- para a mocidade concedidos pola Xunta están pagados”.
Isto, dixo, “a pesares do Goberno central”, ao que culpou da “falta de transparencia e colaboración”, así como dos atrasos non xustificados na transferencia destes fondos e “o que é peor, da falta de coñecementos na xestión de fondos públicos”. A conselleira fixo fincapé en que “nesta Consellería tomámonos moi en serio os problemas de acceso da cidadanía á vivenda; non falamos de expedientes, falamos de persoas”.
Martínez Allegue explicou que o Goberno central anunciara a finais de 2021 este bono, pero o retraso na transferencia dos fondos ata medio ano despois, en concreto ata o 30 de maio do 2022, impediu á Xunta convocar estas achegas ata xuño, cun prazo de solicitude ata o 31 de outubro, sendo Galicia a pesares desta circunstancia a terceira comunidade española en realizar o proceso, tras Cataluña e Valencia. E puxo en valor que apenas tres meses despois de que rematase o prazo para solicitar as axudas, entre decembro de 2022 e xaneiro de 2023, desde o Instituto Galego da Vivenda e Solo se xestionaron todos os expedientes e concedéronse un total de 4.094 axudas, esgotándose o crédito.
Posteriormente, trala liberación de fondos procedentes de renuncias ou por perda das subvencións, realizáronse novas concesións ao longo do pasado ano 2023, con 1.159 novos beneficiarios. “En definitiva -subliñou- as máis dun milleiro de novas axudas concedidas entre febreiro e novembro do ano pasado e que foron pagadas puntualmente, o que demostran é a eficacia da Xunta na execución dos fondos recibidos, evitando que se perdesen”.
“Nós cremos na gobernanza e na xestión conxunta -afirmou Martínez Allegue- e por iso estamos a traballar de xeito ordenado para aproveitar todo o posible, como xa fixemos ata agora, os fondos europeos consignados para tal fin”.
A conselleira lamentou a falta de resposta por parte do Ministerio ás reiteradas comunicacións da Xunta “para poñer no seu coñecemento numerosas incongruencias e erros detectados na convocatoria”, recoñecidos por fontes da propia institución.
“O Goberno de Pedro Sánchez -criticou- vendeu estas axudas como unha liña da que se podería beneficiar practicamente todo o mundo que as solicitaba, cando iso era falso”. Neste senso, apuntou que a dotación orzamentaria destinada a Galicia limitaba estas axudas a apenas 4.000 persoas, pero a eficaz xestión do IGVS permitiu incrementar un 25% o número final de beneficiarios, ata chegar aos 5.253 mencionados.
Ademais, cuestionou tamén que as “ríxidas condicións” para a concesión das achegas aprobadas desde o Ministerio “impediron acceder á mesma a persoas que compren os requisitos”.
Medidas para a lexislatura
Martínez Allegue reiterou que a vivenda “é un dos aspectos capitais do novo goberno da Xunta de Galicia e piar desta Consellería, que ten como obxectivo prioritario facilitar o acceso dos cidadáns a unha vivenda”. “Obxectivo -engadiu- no que estamos a traballar tanto pola vía do incremento do parque de vivendas públicas como a través de liñas de axudas para o acceso á vivenda pola vía da adquisición ou o alugueiro”.
Lembrou que o Goberno galego está a reforzar as medidas e programas da Estratexia da Vivenda, que prevén nesta lexislatura o desenvolvemento de solo residencial para 20.000 vivendas protexidas e duplicar o parque de vivenda ata chegar ás 8.000, así como lo lanzamento dunha nova liña de axudas para a construción de vivendas para alugueiro, dirixida a promotores privados, por importe de máis de 14M€.
Ademais, prevese a rehabilitación de 300 inmobles abandonados e o fomento e incremento do parque de vivendas de aluguer a través das axudas destinadas á rehabilitación, no que atinxe á habitabilidade e á accesibilidade ou de mellora da eficiencia enerxética.
Así mesmo, afondarase nas liñas de axuda para o alugueiro para menores de 36 anos e para particulares, para autoconstrución de vivendas unifamiliares novas, e manteranse as axudas para adquisición de vivendas en concellos de menos de 10.000 habitantes, destinadas a menores de 35 anos, en centros históricos e mesmo para a compra de vivenda protexida.
Continuarase co programa de mobilización de vivenda baleira para alugueiro a prezos limitados, así como as achegas directas ás familias para facilitarlles o acceso á vivenda en alugueiro, con subvencións destinadas á poboación en xeral, á mocidade e aos colectivos máis desfavorecidos.
A conselleira citou tamén o Aval Mozo, destinado aos menores de 36 anos que queiran comprar a súa primeira vivenda, aos que a Xunta ofrece avais de ata o 20% do prezo da vivenda. Na súa primeira edición, concedéronse 99 avais por importe de 1,8M€ e desde o pasado 1 de marzo está aberta unha nova convocatoria, para a que está reservada unha partida de 5M€.