A Xunta reitera a necesidade de crear novos xulgados de violencia de xénero que atendan ao incremento de casos
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, respondeu esta mañá a unha interpelación sobre o balance de denuncias en violencia de xénero. Durante a súa intervención, incidiu na necesidade de crear novos xulgados de violencia de xénero nas principais cidades galegas para atender ao incremento de casos que se ten producido nos últimos anos.
Neste sentido, a conselleira lamentou que esta reclamación realizada polo Goberno galego e polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, fora ignorada en varias ocasións polo executivo de Pedro Sánchez. Así mesmo, destaca que o incremento no número de denuncias constata que cada vez máis mulleres cren no sistema e denuncian aquelas situacións machistas que sofren no seu día a día.
Pola súa banda, Fabiola García sinalou que o Goberno galego seguirá traballando para impulsar medidas de calado tanto no ámbito lexislativo, como na dotación de recursos para as vítimas e na prevención. Así mesmo, lembrou que a Xunta multiplicou por catro o orzamento destinado a esta materia desde o ano 2009, pasando dos 13,8 millóns destinados naquel ano, aos máis de 55 millóns da actualidade.
Entre os retos do futuro, a conselleira puxo o foco na potenciación das casas de collida, dotándoas de máis servizos e programas; na posta en marcha dos cinco primeiros centros de crise 24 horas; no reforzo da atención psicolóxica ás mulleres en núcleos rurais; e na coordinación con todos os organismos e corpos de seguridade do Estado, a fin de identificar con máis facilidade posibles casos.
A conselleira puxo en valor a creación das novas direccións xerais de Loita Contra a Violencia de Xénero e Promoción da Igualdade. Dúas direccións pioneiras en toda España, que permitirán liderar as actuacións nesta materia e que incidirá nunha maior especialización, tal e como esixe o convenio de Istambul.











