publicidade hoxe

A Xunta licita por preto de 6,3 M€ a obra da senda que unirá Pontevedra con Marín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaMarínPortada esquerda
A-
A+

Intervención da conselleira María Martínez Allegue

A Xunta licita por preto de 6,3 M€ a obra da senda que unirá Pontevedra con Marín, na coñecida como a estrada vella de Marín. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, avanzou que mañá, día 10, sae a contratación esta actuación no treito da vía autonómica Mollavao-Praceres, “co obxectivo de crear un novo eixo de mobilidade sostible, que transformará a estrada e mellorará a súa funcionalidade, orientándoa tamén ao transporte público”.

Tal e como destacou a conselleira, son 3,5 quilómetros de lonxitude de senda pola marxe dereita da PO-546, cun ancho que oscila entre os 2,5 e os 4 metros, para o desfrute de veciños e visitantes, que se complementará cun aparcadoiro, un miradoiro e un parque infantil. As empresas interesadas teñen ata o vindeiro día 5 de xullo para presentar as súas ofertas.

Martínez Allegue achegouse hoxe á zona das actuacións proxectadas polo departamento que dirixe, cuxas obras comezarán en outono cun prazo de execución de 18 meses, e nas que tal e como sinalou se prestará especial coidado á seguridade. Así, segundo explicou a conselleira, obrigarase a reducir a velocidade dos vehículos, grazas á glorieta que se construirá á altura do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán.

Esta glorieta facilitará, ademais, o cambio de sentido dos vehículos que proceden de Marín e que queren acceder ao aparcadoiro disuasorio, tipo carpooling, que xa se está construíndo apoiándose na traza da propia senda, na contorna do quilómetro 2+800 da PO-546 e ao que se destinará un investimento autonómico de 500.000 euros. Deste xeito, apuntou a conselleira, promovese o uso do coche compartido en prol dun transporte mais sostible.

María Martínez Allegue fixo fincapé, ademais, na mellora tamén das paradas de transporte público, así como na renovación da iluminación do treito e a construción de dúas pasarelas, unha de máis de 120 metros sobre o rego de Louriñas e outra de 45 metros sobre O Sartán.

Concretou que toda a obra está proxectada cun ancho de senda axeitado, con zonas amplas nas que se prevé un novo parque infantil para lecer das familias, “que ademais poderán desfrutar das fermosas vistas da Ría de Pontevedra, grazas a un miradoiro ubicado nun espazo agora inutilizable (no punto 1+050)”.

Ademais en Sartán, atendendo ás inquedanzas trasladadas polos veciños, proxectouse a dotación dalgunha praza de aparcadoiro para persoas con mobilidade reducida.

Destacou que a actuación que se licita mañá se complementa coas obras xa executadas na mesma PO-546 tanto no treito urbano de Marín, coma en Estribela, Pontevedra. Neste último tramo urbano de Estribela, o investimento foi de 1,35 M€, o que supón – en palabras da conselleira- “unha mellora radical con respecto ao que había anteriormente”.

A estas actuacións se suman outras obras importantes de sendas en execución nas estradas autonómicas coma a senda da PO 308 en Poio, entre Fontela e Combarro (1,43 km); a senda na PO 223 e PO- 224 en Xeve (2,52 km), ou a senda na PO 302 e PO 306 en Vilanova de Arousa (3,22 km).

Salientou tamén que esta actuación da Xunta completa un investimento de máis de 9 M€, ao abeiro dos fondos europeos FEDER 21-27, que transformará a antiga estrada Pontevedra-Marín nun exemplo de mobilidade sostible.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas puxo o acento no obxectivo da Xunta de mellorar a vida das galegos e galegas, amosando o compromiso do departamento que dirixe de seguir impulsando novas sendas, mellorar as estradas de titularidade autonómica, proxectando novas vías de alta capacidade e seguir reclamando ao Ministerio de Transportes o mantemento en óptimas condicións as estradas da súa titularidade.

Tamén expresou a demanda do Goberno galego de saber tamén que actuacións está levando a cabo o Goberno central tralo expediente de infracción aberto pola Comisión Europea pola ampliación da concesión da AP-9 .

Martínez Allegue tamén fixo fincapé no mantemento da defensa dos intereses da cidadanía galega, coma fixo onte na reunión mantida coa Ministra de Vivenda, na que se reiterou a exixencia da inclusión de Galicia no programa “Viena” para a construción de vivenda en alugueiro. A este respecto, lembrou “non pedimos máis que os demais, pero reclamamos o que Galicia merece; e aínda estamos esperando, así llelo trasladei á ministra, a cesión gratuíta das vivendas da Sareb para usos sociais”.

9 de maio de 2024 | 16:12 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario