publicidade hoxe

A Xunta inviste 400.000 euros na programación das salas da Rede Galega de Música ao Vivo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada dereitaProvincias
A-
A+

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a súa convocatoria de subvencións da Rede Galega de Música ao Vivo, que destina 400.000 euros á programación 2024-2025 das salas privadas que integren a nova edición deste circuíto autonómico. A prioridade desta iniciativa, que prevé a organización duns 300 concertos nun máximo de 13 salas, é garantir a estabilidade na oferta musical en directo, máis alá de eventos de gran formato como os festivais, ao tempo que se impulsa a contratación de solistas e grupos galegos e a presenza nos carteis de artistas femininas.

Trátase da segunda convocatoria bienal destas axudas, xestionadas desde 2022 pola Axencia Galega das Industrias Culturais como novo sistema de financiamento desta rede. En réxime de concorrencia non competitiva, poderán ser solicitadas ata o 20 de xuño, ou ata o esgotamento do crédito consignado, por espazos privados habilitadas legalmente para organizar espectáculos musicais con público. Desta volta, o período de programación estenderase desde mañá e ata o 30 de outubro de 2025, de xeito que o orzamento se distribuirá ao 50% entre os dous anos.

Os requisitos de contratación foron consensuados en diálogo coas principais entidades representativas dos colectivos implicados, Músicas ao Vivo e Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo (Clubtura), e varían en función das dúas modalidades de programación que deben presentar as salas para formar parte da Rede Galega de Música ao Vivo.

Axudas do 100% para a contratación de bandas galegas

A primeira delas (modalidade A) céntrase na oferta musical específica para o circuíto, que será subvencionada ao 100% pola Xunta cun límite de 25.500 euros por cada proposta. Os carteis subvencionados deberán constar de entre 12 e 24 concertos, distribuídos de xeito equilibrado entre as dúas anualidades, e correrán a cargo de solistas ou grupos que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia, dos que un 40% deberán ser de artistas femininas sempre que sexa posible. Establécese tamén o cobro de cando menos 250€ por actuación para cada integrante das formacións contratadas e un prezo mínimo por entrada de 5 euros, entre outros requisitos.

Ademais da contratación artística, as salas da Rede Galega de Música ao Vivo financiarán a través desta modalidade os gastos de produción, dereitos de autor, comercialización, promoción e publicidade, así como os honorarios profesionais de xestión da subvención. Para configurar cadansúa programación dentro do circuíto, o departamento de Industrias Culturais da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude pon á súa disposición un amplo catálogo artístico, configurado cos grupos e solistas galegos que se inscribiron na plataforma galescena.gal a partir da convocatoria pública aberta o pasado mes de abril.

Mediante a modalidade B, apóiase o desenvolvemento do resto da programación das salas, cun mínimo doutros 40 concertos durante o período indicado. Neste caso, o límite máximo de cada axuda sitúase en 7500 euros para gastos de produción, dereitos de autor, comercialización, promoción e publicidade.

20 de maio de 2024 | 18:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.