A Xunta inclúe campamentos para maiores de 18 anos nas actividades de verán para a mocidade
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno autonómico incorpora este ano campamentos “para mozos de 18 a 30 anos” na campaña de actividades de verán para a mocidade deste ano. “Serán 200 prazas para estadías nos meses de xullo e agosto”, indicou o titular do Executivo galego.
Deste xeito, as persoas que sobrepasen a maioría de idade terán á súa disposición cinco instalacións diferentes nas cales, segundo explicou Rueda, “desenvolver roteiros, actividades artísticas, acuáticas ou de multiaventura”: o albergue de Cabana de Bergantiños, o campamento A Devesa en Ribadeo, o albergue xuvenil de Allariz, o albergue Montañas de Trevinca na Veiga e complexo Cemar en Mondariz-Balneario.
Así, os maiores de 18 anos, ademais de poder gozar dos campos de voluntariado, ven aumentada a súa oferta no marco deste programa, no cal se poderán inscribir a través da web de Xuventude do 3 ao 10 de xuño.
O Goberno galego dá así un paso máis coa súa Campaña de Verán -baixo o lema O teu mellor verán- e que incluía campamentos orixinariamente destinados a mozos e mozas dos 9 aos 17 anos, ofrecendo a posibilidade de que a xuventude galega empregue o seu tempo de lecer estival en actividades de educación non formal de carácter lúdico, cultural, deportivo e formativo.
Minicampamentos Coñece Galicia
Ademais, para este 2024 tamén está prevista unha nova edición dos minicampamentos Coñece Galicia postos en marcha en 2020. Con 700 prazas ofertadas distribuídas en 34 quendas, os nenos e nenas de entre os 9 e os 14 anos poden gozar de luns a venres en aloxamentos turísticos de toda a Comunidade.
O obxectivo destes campamentos, cuxa información estará dispoñible en breve na web de Xuventude, é impulsar o coñecemento da riqueza natural e patrimonial de Galicia e favorecer as necesidades de conciliación das familias.
Referente en todo o Estado
Rueda resaltaou que a programación de actividades de verán para a mocidade é unha forma de “aprender e coñecer outras zonas de Galicia” así coma “un recurso importante” para facilitar a conciliación nas familias durante o periodo non lectivo.
No caso concreto deste ano ofertáronse un total de 11.533 prazas, “o que supón a maior oferta da historia destas actividades de verán” , resaltou Rueda, que agora dependen da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. As opcións abranguen campamentos para mozos e mozas de entre os 9 e os 17 anos (as prazas foron sorteadas o pasado luns 20), actividades para maiores de 18 anos, minicampamentos, campos de voluntariado, o programa Conecta con Galicia para a mocidade galega no exterior e o uso das instalacións xuvenís xestionadas pola Xunta. Ademais, entre as novidades deste ano, está a oferta de novas propostas tanto nos campamentos como nos campos de voluntariado.