publicidade hoxe

A Xunta destaca a relevancia do emprego dixital no mercado laboral do futuro na presentación do 6º congreso Flúor de márketing de Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPontevedraPontevedraPortada dereita
A-
A+

Presentación do congreso “Flúor”

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe en Pontevedra na presentación da 6ª edición do Congreso Flúor de márketing dixital que organiza o Clúster da Comunicación de Galicia en Pontevedra os próximos días 30 e 31 de maio, co patrocinio da Xunta de Galicia, no que destacou a relevancia do emprego dixital no mercado laboral do futuro, para o que Galicia se está a preparar.

O evento, destacou o secretario xeral, permite converter cada ano Pontevedra durante dous días na capital das novas tendencias na comunicación e publicidade no eido dixital, co obxectivo de ofrecer novas ideas e perspectivas.

A transición dixital e verde marcarán o futuro do emprego para o que Galicia quere estar preparada. O representante autonómico resaltou que o Executivo está a realizar, para darlles resposta, un esforzo sen precedentes para ofrecer cualificación para o emprego adaptada ás necesidades do mercado, cun Plan Galego de Formación dotado con 117 millóns de euros este ano e mediante o deseño de accións cos principais clústeres.

A comunidade reforzará, por outra banda, as microformacións de tendencia en Europa, que garanten a reciclaxe dos traballadores: un mecanismo áxil que permite percibir as necesidades do tecido produtivo, indicou Fernández.

O secretario xeral non quixo deixar escapar a oportunidade de referendar o compromiso da Xunta de Galicia coa igualdade laboral, máis aínda en sectores tradicionalmente masculinizados como o da ciencia, as tecnoloxías ou as enxeñarías.

Lembrou que a nova Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, seguirá a apostar polo emprego e o emprendemento e feminino e a poñer en valor o talento e liderado das mulleres para rachar coas fendas de cristal e avanzar en contornas laborais máis igualitarias e xustas e que introduzan a perspectiva de xénero nas súas políticas de conciliación e prevención de riscos.

Encontro con emprendedores

Previamente, o secretario xeral puxo en valor o potencial da comunidade galega como rexión emprendedora, nun encontro de networking celebrado está mañá pola Asociación de Empresarios de Pontevedra (Aempe) co apoio da Consellería de Emprego, Comercio de Emigración.

O Goberno galego está a apostar polas persoas que desexen investir ou desenvolver unha actividade económica no noso territorio. Pablo Fernández referiuse, nesta liña, á Rede de polos que, con 13 centros abertos, estase a consolidar como dinamizadora da economía, en especial no rural, ao se nutrir das novas ideas e oportunidades relacionadas, entre outros ámbitos, coa tecnoloxía, o turismo, as enerxías renovables ou as producións orgánicas. A idea, remarcou, é chegar aos 15 centros máis un que atuará como coordinador, e avogar polo acompañamento de xeito máis intenso.

A Rede asesorou desde o seu estreo, hai dous anos, ao redor de 1.800 proxectos. Os promotores atopan nestes centros apoio técnico e experto para o inicio ou renovación dos seus negocios en todas as etapas. Na provincia de Pontevedra -a través dos Polos de Silleda e O Porriño- a Rede xa ten atendido preto de 500 iniciativas empresariais, o 61% delas impulsadas por mulleres. Por sectores, predominan os servizos, seguidos do comercio e da educación. Así mesmo, téñense realizado na provincia case 1.100 titorías, 73 reunións con entidades do territorio, 9 accións de formación e 15 eventos da Rede.

14 de maio de 2024 | 18:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.