publicidade hoxe

A Xunta celebra que o Campionato Mundial de Motocross recale en Galicia esta fin de semana con máis dun cento de pilotos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaLocalLocal PortadaLugoPortada dereita
A-
A+

Presentación do Campionato do Mundial de Motocross

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou esta mañá xunto co secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, na presentación do Campionato do Mundial de Motocross que acollerá o circuíto municipal Jorge Prado de Lugo esta fin de semana.

Trátase do Gran Premio Galicia, a sexta proba das categorías Elite-MX1, Elite-MX2 e do WMX (Mundial feminino) e a cuarta do MX125, no marco dun evento que xuntará máis dun cento de pilotos, incluído o campión do mundo Jorge Prado, que compite na casa e no circuíto que leva o seu nome.

O apoio da Xunta a esta proba enmárcase no compromiso cos clubs deportivos e coa dotación de infraestruturas que garantan a práctica do deporte profesional e de base nas mellores condicións, como é o caso do circuíto sede deste mundial.

Diego Calvo resaltou a importancia de que Galicia fose escollida para levar a cabo unha proba, a terceira en España despois da de Madrid o pasado marzo e de Cidade Real prevista para finais de setembro. Este fito débese en parte -aclarou- a que se melloraron as infraestruturas para poder albergar unha competición destas características.

Nesta liña, incidiu en que a organización deste tipo de eventos permite situar a comunidade como unha potencia deportiva. O conselleiro de Deportes engadiu que a comunidade galega conta con nomes de referencia a nivel mundial que avalan a boa saúde e os éxitos do motociclismo galego, como Jorge Prado e o resto de pilotos que integran a representación galega neste campionato e que representan “un referente para a mocidade, para a promoción da marca Galicia ou para que medre a afección do motocross”.

Diego Calvo animou a acudir esta fin de semana a Lugo, “a capital internacional do motocross” onde se ofrecerá un espectáculo inigualable que, ao mesmo tempo, suporá un revulsivo para a economía e o turismo da provincia e da comunidade.

7 de maio de 2024 | 16:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.