A Xunta aproba novos símbolos heráldicos para os concellos do Carballiño e Cortegada
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe os decretos polos que se aproban os escudos e bandeiras dos concellos ourensáns do Carballiño e Cortegada, validados polo Consello da Xunta a semana pasada tras recibir informe favorable da Comisión de Heráldica en abril.
Este órgano consultivo da Xunta de Galicia, adscrito á consellería competente en materia de réxime local, é o encargado de emitir informes vinculantes de aprobación, modificación ou rehabilitación de escudos heráldicos e bandeiras das entidades locais galegas.
Segundo vén definido no decreto, o escudo do Carballiño é de ouro (amarelo) e sobre ondas de azur (azul) e prata (branco), un carballo arrincado de sinople (verde) cos dous osos ao natural empinados ao seu tronco. Ao timbre, a coroa real pechada.
Por outra banda, o escudo de Cortegada é de gules (vermello) e sobre ondas de prata (branco), unha copa de ouro (amarelo) flanqueada de senllas sierpes de sinople (verde), surmontada dunha venera de prata e, todo surmontado á súa vez de sete cruces treboladas de ouro, ben ordenadas no xefe. Ao timbre, a coroa real pechada.
No que se refire á bandeira do Carballiño, está partida ao centro. Ao hasta, leva o pano amarelo co carballo arrincado de verde e os dous osos na súa cor natural empinados ao tronco. Ao batente é de azul con catro ondas de branco.
A bandeira de Cortegada o pano é vermello coa copa de amarelo e venera branca flanqueadas das dúas serpes verdes. Ao hasta, as sete cruces treboladas de amarelo, ben ordenadas, e as dúas ondas brancas, ao batente.
Aprobación de 283 símbolos heráldicos
O Goberno galego leva aprobados 283 escudos e bandeiras das entidades locais de Galicia no seo da Comisión Heráldica da Xunta, tras a petición dos respectivos concellos de adoptar, modificar ou rehabilitar os seus símbolos, en aplicación do Decreto 19/2010, do 11 de febreiro que os regula.
Os municipios e as demais entidades locais de Galicia poden adoptar escudos heráldicos e bandeiras propios e privativos, modificar os xa existentes ou rehabilitar os que historicamente se empregasen, baseándose sempre en feitos históricos ou xeográficos característicos e peculiares do seu territorio e conforme ás normativas de heráldica.
Ningunha entidade local de Galicia poderá utilizar escudo heráldico ou bandeira que non fosen aprobados polo Consello da Xunta de Galicia, sen prexuízo daqueles que foron aprobados pola Administración do Estado con anterioridade á transferencia de competencias a favor da Comunidade Autónoma de Galicia.