A Xunta activa un novo programa para que as pemes galegas aposten por modelos de negocio máis sustentables e responsables
A Xunta de Galicia vén de activar un novidoso programa que, dotado cun orzamento de 1 millón de euros, permitirá promover entre as pemes galegas modelos de negocio máis sostibles e responsables. O prazo de solicitudes iníciase hoxe e permanecerá aberto ata o vindeiro 15 de setembro.
A liña, que se pon en marcha por primeira vez este ano, estimulará proxectos centrados no desenvolvemento e mellora dos chamados factores ASG: ambientais, sociais e de gobernanza. A finalidade é que as pemes galegas implanten solucións avanzadas coas que reducir e aforrar recursos e diminuír a xeración de refugallos, dun lado, e desenvolver a responsabilidade social empresarial e avanzar nos mellores modelos de gobernanza, doutro. Para acadar estas metas, impulsaranse proxectos tanto individuais como colectivos, que comprenden polo menos tres pemes con centro de traballo en Galicia que abordan solucións de maneira conxunta.
As iniciativas agrúpanse en torno a catro tipoloxías: unha primeira que atende a aspectos globais que se deben ter en conta nas organizacións, e outras tres baseadas nos propios factores ASG. Así, no que respecta aos mencionados aspectos globais, colaborarase coas pemes galegas na auditoría e avaliación de riscos ASG e na consultaría e certificación de empresas B-CORP, que son aquelas que amosan o seu compromiso coa xeración dun impacto positivo nos eidos ASG.
Así mesmo, no apartado relativo aos factores ambientais, promoveranse iniciativas que permitan tanto a reutilización como a redución do consumo de recursos nos procesos produtivos, contribuíndo á mellora da eficiencia enerxética ou da pegada de carbono. No campo dos proxectos sociais, atenderase a aspectos como a diversidade e inclusión ou a ética laboral. E no relativo á gobernanza, fomentarase a ética empresarial e a transparencia financeira.
Para avanzar nestes eidos, apoiarase tanto a adquisición de activos materias e inmateriais -sensores, sistemas para a medición e control de parámetros produtivos e ambientais, hardware e software intelixente, nova maquinaria e bens de equipo-, como os servizos de consultaría externa de carácter tecnolóxico, de deseño de procesos ou produtos máis eficientes, e organizativos.
As axudas, en concorrencia non competitiva, cubrirán o 35 % dos custos de adquisición de activos materiais e inmateriais para pequenas empresas e o 25 % para as medianas, mentres que para os gastos de consultaría chegarán ata o 50 %, e os beneficiarios poderán solicitar anticipos de ata o 80 % da mesma.
Con esta nova liña o Goberno galego dá continuidade ao programa para a posta en marcha de proxectos de economía circular, que permitiu apoiar, nos últimos dous anos, 22 iniciativas que están a mobilizar preto de 1,4 millóns de euros na implantación de solucións avanzadas para a produción, transporte e distribución de materias primas, compoñentes, semielaborados e produtos finais, acadando reducións e aforros na utilización de recursos naturais, auga e enerxía e diminucións na xeración de refugallos, subprodutos ou desfeitos.