publicidade hoxe

A Ruta Quetzal reunirá en Galicia este verán máis de 200 mozos de toda España para vivir a experiencia do Camiño de Santiago

Presentación da nova expedición da Ruta Quetzal

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe na presentación da nova expedición da Ruta Quetzal que este ano reunirá a partir de xuño máis de 200 mozos de distintos puntos de España que coñecerán nesta viaxe de estudos e aventura varios emprazamentos galegos co apoio da Xunta.

“Desde hai anos cremos e apoiamos este proxecto pola súa capacidade de promover o destino entre os máis mozos e porque nos está axudando a reforzar a imaxe e o potencial turístico das vias que percorre”, indicou Xosé Merelles quen felicitou á organización e tamén agradeceu a súa aposta por escoller nuevamente Galicia “para a que, de seguro, será unha das experiencias máis especiais para os participantes”.

O director de Turismo de Galicia salientou tamén a importancia desta iniciativa para o turismo galego “ao focalizar a acción nun público mozo, ao que lle estamos ensinando parte do noso destino coa intención de que poda volver visitarnos no futuro”, expresou.

A nova edición´da Ruta Quetzal iniciará a súa aventura por terras galegas o 30 de xuño e despois atravesará o norte de Portugal ata chegar a Lisboa. Desde a capital portuguesa regresará a España por Estremadura para percorrer parte da Ruta da Prata e, de novo en Galicia, continuará pola ruta xacobea e a Ribeira Sacra ata chegar á capital compostelana.

En concreto, a expedición de 2024 comezará en Vilanova de Arousa, onde os participantes poderán acompañar ás mariscadoras e visitarán algunhas das principais fábricas de conservas. Tamén coñecerán Catoira, Valga, Pontecesures, Sanxenxo, Illas Cíes ou Baiona. Posteriormente a aventura da Ruta Quetzal continuará en Portugal ata a súa capital, Lisboa, e, tras regresar a España a través de Estremadura, continuará por Castela e León para volver a Galicia desde O Cebreiro, a porta do Camiño Francés. Tamén coñecerán a Ribeira Sacra. Tras 13 días de expedición, a Ruta Quetzal culminará a súa viaxe en Santiago de Compostela.

Nas súas 31 edicións, a expedición percorreu América e Europa e participaron máis de 10.000 mozos procedentes de preto de 60 países de Europa e América.

15 de maio de 2024 | 19:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.