publicidade hoxe

A Policía Autonómica detén en Santiago unha persoa como presunta autora dun delito de maltrato animal

A Policía Autonómica detivo unha persoa como presunta autora dun delito de maltrato continuado contra os animais tras localizar en Santiago dúas gaiolas cun can morto e outro en situación crítica. O achado produciuse no decurso da investigación dun incendio rexistrado o pasado mes nunha leira na parroquia de Bando e comprobouse que os danos e lesións que presentaban os animais non eran froito do lume senón da falta de atención.

O can vivo foi trasladado ao refuxio de animais de Bando para a súa hospitalización, na que requiriu múltiples coidados e tratamentos veterinarios. As investigacións permitiron comprobar o incumprimento da Lei de benestar animal e do Código Penal durante varios anos. Así, os animais estaban permanentemente engaiolados, sen acceso a alimento nin auga, en instalacións cunha evidente falta de limpeza e hixiene, e sen a atención nin a vixilancia axeitadas para velar pola súa saúde. Ademais, o can morto carecía do preceptivo microchip identificador.

O atestado foille remitido ao Xulgado de Instrución en funcións de garda de Santiago de Compostela.

Cómpre sinalar que a Lei 7/2023 do 8 de marzo de sobre a Protección dos dereitos e o benestar dos animais ten como obxectivo protexer os dereitos e o benestar dos animais de compañía, detallando as súas condicións de tenencia, loitando contra o abandono e os malos tratos e promovendo a adopción e tenencia responsable. Así mesmo o Código Penal, recolle o delito de malos tratos animais, castigando unha serie de condutas nas que se causan lesións, provócase a morte, abandónase en certas circunstancias ou se maltrata gravemente. Deste xeito protéxese a vida, a saúde e a integridade física e psíquica dos animais de compañía.

6 de maio de 2024 | 13:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.