publicidade hoxe

A FP galega terá a oferta máis alta da súa historia no vindeiro curso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada esquerdaProvincias
A-
A+

Inauguración do I Congreso de Mobilidade Sustentable en Medios de Transporte- FP Galega

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a aposta do Goberno galego por promover a Formación Profesional ao ampliar, un ano mais, a oferta de prazas cara ao vindeiro curso 2024-2025.

Durante a inauguración do I Congreso de Mobilidade Sustentable en Medios de Transporte- FP Galega que se celebra en Vilagarcía de Arousa, Rueda adiantou que o Consello da Xunta aprobará o luns a oferta de FP para o novo ano académico que será a máis alta da súa historia. O obxectivo é ofrecer estudos especializados e adaptados ás necesidades do territorio e o tecido empresarial galego para garantir a inserción laboral das persoas que opten por estas ensinanzas.

Nesta liña, o presidente asegurou que se van reforzar os chamados títulos de alta especialización, é dicir, as ensinanzas que permiten que os alumnos combinen cursos ou materias de ciclos ou graos distintos coa finalidade de formar a profesionais con perfís moi concretos e especializados. O vindeiro curso serán 24 as titulacións deste tipo que se ofertarán en Galicia, 13 delas de nova implantación.

Galicia é pioneira en toda España en poñer en marcha este tipo de titulacións coas que dar resposta específica as demandas do tecido produtivo da comunidade. O presidente da Xunta asegurou que “as sociedades que non dan importancia á FP son aquelas que non van poder evolucionar ao ritmo que evoluciona o mercado e a demanda”.

Rueda, que lembrou a “revolución silenciosa” que experimentou a FP galega nos últimos anos -ao aumentar un 80 % o número de matriculados desde 2009 e acadar datos históricos con máis de 64.000 alumnos-, fixo fincapé en que nestas ensinanzas a taxa de inserción laboral é do 85 % e case chega ao 100 % no caso da FP Dual.

Ademais salientou a importancia de foros como este Congreso para que empresas e comunidade educativa colaboren e sumen forzas para afrontar os retos e desafíos dun dos principais motores da economía en Galicia como é a automoción que representa máis do 13 % do PIB galego e xera 25.000 empregos en toda Galicia.

Nesta liña, o titular do Goberno galego lembrou que este sector está a vivir unha gran transformación coa chegada do vehículo eléctrico e a aposta por desprazamentos máis sustentables. Rueda subliñou que Galicia xa é líder nacional na produción de vehículos e ten unha grande oportunidade para ocupar un papel prioritario no deseño da mobilidade do futuro.

O Goberno galego reforza o compromiso cunha mobilidade máis respectuosa co medio ambiente mediante a folla de ruta cara 2050, a Estratexia Galega de Mobilidade, dotada de 420 millóns de euros. Ademais, o Executivo galego acaba de aprobar unha liña de 18 millóns de euros para axudar as empresas auxiliares de automoción na adaptación aos novos modelos de produción e segue reclamando ao Goberno central infraestruturas claves como a conexión ferroviaria de alta velocidade con Portugal.

30 de maio de 2024 | 17:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.