Rueda destaca a posta en marcha de 166 novas prazas públicas para o coidado de persoas con discapacidade
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a Xunta porá á disposición das persoas con discapacidade 166 novas prazas públicas de atención diúrna e residencial distribuídas por toda a comunidade e polas que achegará 14,6 millóns de euros durante os próximos catro anos. O Executivo autonómico aprobou no Consello desta mañá a posta en marcha destes novos servizos que xestionarán as entidades sociais, unha medida que “facilitará que os usuarios e as súas familias sexan atendidos na súa contorna, sen necesidade de que teñan que facer longas distancias”, indicou.
Estas novas prazas súmanse ás máis de 5.000 en centros de día e residencias que financia o Goberno galego na actualidade a través do concerto social, unha “demanda histórica” do terceiro sector que xa está vigor desde o pasado día 1 de marzo.
Tal e como apuntou o titular da Xunta, serán novas prazas en atención a dependentes “con espectro autista, discapacidade física, parálise cerebral, dano cereblar e discapacidade intelectual”, apuntou.
Coa aprobación deste acordo, o Goberno galego dá resposta a un dos compromisos fixados para os cen primeiros días de lexislatura: o impulso de novas prazas de residencia e centros de día para maiores e persoas con discapacidade.
1.100 novas prazas
De feito, neste inicio de mandato, a Xunta deu luz verde a un investimento de 18,5 millóns de euros para a creación de 650 prazas en residencias e centros de día de titularidade municipal, ao impulso doutras 100 prazas coa creación de 20 novas casas do maior; a estas 166 novas prazas de atención á discapacidade e a próxima entrada en funcionamento das novas residencias de maiores de Santiago de Compostela e Lugo, xa entregadas pola Fundación Amancio Ortega e cuxa “previsión é que en maio entren en funcionamento”, segundo apuntou Rueda, e que suman outras 240 prazas.
En total, o Executivo galego impulsou a creación de máis de 1.100 novas prazas públicas en residencias e centros de día.