publicidade hoxe

O DOG publica a convocatoria de axudas para fomentar a utilización de madeira na construción de vivendas unifamiliares e edificacións en altura, dotada con 5 M€

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución mediante a cal se establecen as bases reguladoras paras as axudas para a realización de proxectos e obras que empreguen madeira como elemento estrutural na construción, dotadas cun orzamento de 5 millóns de euros.

Estas achegas están enmarcadas dentro dos obxectivos da Axenda de impulso da industria forestal-madeira e buscan contribuír á loita contra o cambio climático, fomentar a prevención e xestión forestal sustentable e activa do territorio galego, afondar en políticas de eficiencia enerxética e achegar confort, saúde e benestar ás persoas que vaian habitar edificacións construídas en madeira.

Poderán ser beneficiarias aquelas pequenas e medianas empresas, incluídas as persoas autónomas, e as cooperativas, asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro; así como as persoas físicas, sexa de xeito individual ou en conxunto. Ademais, como novidade, poderán beneficiarse por primeira vez dunhas axudas destas características as comunidades de montes veciñais en man común.

Actuacións subvencionables

Neste sentido, serán subvencionables aquelas accións vencelladas coa redacción de proxectos e a utilización de produtos de madeira nestas actuacións. No caso de pemes, comunidades de montes, cooperativas, asociacións, organizacións, fundacións ou entidades sen ánimo de lucro, a solicitude de axuda deberá ser para nova construción, rehabilitación ou reforma de naves e establecementos de negocio que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais, e sempre que, cando menos, o 20 % do orzamento de execución material do proxecto correspondan a produtos de madeira ou derivados da madeira (incluída súa colocación) que serán utilizados cunha finalidade estrutural, sistemas de compartimentación, envolvente ou acabados, excluíndose para dito computo o uso da madeira nas carpintarías interiores, pavimentos interiores e acabados interiores.

Ademais o uso da edificación proxectada deberá estar destinada a un uso industrial (incluídos os vinculados á transformación e comercialización de produtos agrarios ou forestais), comercial, recreativo, hoteleiro, oficinas, sanitario-asistencial, educativo, cultural ou deportivo.

Por primeira vez neste tipo de convocatorias inclúese unha partida específica destinada ás promocións de construción en altura, onde tamén poderán entrar edificacións con uso residencial dun mínimo de tres plantas. Lémbrase que o consello da Axencia Galega da Industria Forestal indica que, no caso das vivendas en altura, o soto e planta baixa deberán ter estrutura en formigón, sendo utilizada a madeira de forma estrutural, na primeira planta e superiores.

As condicións son as mesmas para aquelas solicitudes feitas por persoas físicas, sendo neste caso necesario que a edificación proxectada deba testar destinada a un uso residencial.

Prazos de presentación das solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto desde mañá, día seguinte á publicación desta resolución no DOG,  ata o 2 de maio de 2024 ou ata o esgotamento dos fondos asignados no caso de que se produza con anterioridade a esa data.

O prazo máximo para presentar a xustificación das actividades subvencionadas para a anualidade de 2024 -é dicir, dos gastos realizados entre o 1 de xaneiro e o 15 de outubro- finalizará o 15 de outubro; mentres que o prazo de xustificación para a anualidade de 2025 -para aqueles gastos realizados entre o 15 de outubro e o 30 de xuño- rematará o 30 de xuño.

Con todo, a execución da obra non terá que estar rematada no momento de xustificación da solicitude de axuda, sempre que o obxecto de dita axuda é a redacción do proxecto de execución de obra e/ou a compra e instalación do material madeira.

Compromiso da Xunta co fomento do uso de madeira na construción

O Goberno autonómico está totalmente comprometido co fomento do uso da madeira na construción, nunha aposta que se materializa tanto no ámbito público como no eido privado, a través de liñas de achegas coma estas. Ademais, o fomento do emprego da madeira na construción vén aliñada nunha das metodoloxías do pioneiro mercado autonómico voluntario de créditos de carbono que está a desenvolver o Goberno galego.

12 de abril de 2024 | 14:03 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario