Lete Lasa enxalza a traxectoria de Susana Rodríguez Gacio nos Premios Nacionais do Deporte 2022
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, asistiu na mañá de hoxe á entrega dos Premios Nacionais do Deporte 2022 celebrada no Palacio Real de El Pardo e presidida polos Reis de España. A deportista viguesa de tríatlon e atletismo (1.500 metros), Susana Rodríguez Gacio, recibiu o Premio Raíña Letizia, máximo galardón dos Premios Nacionais do Deporte que a recoñece como a mellor deportista muller do ano 2022. A galega é a primeira deportista con discapacidade que recibe esta distinción destes galardóns.
O mandatario galego gabou a traxectoria de Susana Rodríguez e destacou o seu “inmenso palmarés” no que locen os seus cinco campionatos do Mundo, catro de Europa e, por suposto, a medalla de ouro nos Xogos Paralímpicos de Toquío á que hai que sumarlle o diploma olímpico nos 1.500 metros. Asemade, Lete Lasa destacou que o exemplo de Susana vai moito máis aló do eido deportivo porque “envía a todo o mundo unha mensaxe de ánimo e esperanza ao demostrar que con traballo, esforzo e sacrificio pódese superar calquera barreira”.
Lete Lasa lembrou que a Xunta de Galicia propón este ano á deportista viguesa como candidata ao Premio Princesa de Asturias 2024 e amosou o seu convencemento de que “Susana conta con méritos máis que suficientes para optar ao recoñecemento”.