publicidade hoxe

En Galicia xa se pode equiparar fiscalmente o IRPF das familias de dous fillos coas familias numerosas, converténdose na primeira comunidade en aplicar esta medida

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerdaProvincias
A-
A+

O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, destacou hoxe que en Galicia xa se pode equiparar fiscalmente no IRPF as familias de dous fillos coas familias numerosas e lembrou que esta dedución xa se pode aplicar na campaña da renda correspondente ao ano 2023, que comezou onte. Deste xeito, a Comunidade galega convértese na primeira en aplicar esta medida.

“Galicia segue a ser referente na baixada de impostos a na apliación de novas deducións fiscais para mitigar os efectos da inflación nos fogares galegos”, puxo en valor Rueda en referencia a esta medida xunto con outras xa en marcha ou que se aplicarán na nova Lexislatura.

Rueda explicou que nesta declaración da renda as familias con dous fillos xa poderán deducir 250 €, un incentivo que ata o de agora tiñan as familias numerosas (250 € as de categoría xeral e 400 € as de especial) que agora se dobra para as familias de tres fillos (500 €). Esta cantidade increméntase noutros 250 € por cada fillo a maiores (a partir de tres). En total, e segundo salientou o mandatario galego, serán “case 190.000 familias”, entre numerosas e con dous fillos, as que resulten beneficiadas na súa declaración.

Ademais, puxo en valor que os contribuíntes galegos se beneficiarán, ao igual que na campaña da renda de 2022, da deflactación dos tres primeiros tramos autonómicos do IRPF; da rebaixa do primeiro tramo e do incremento dos mínimos persoal e familiar. O obxectivo destas medidas é mitigar os efectos da inflación da renda dispoñible das familias e reforzar o impulso da reactivación económica.

Desta forma, benefícianse todos os contribuíntes e, de maneira especial, as rendas medias e baixas. Así, grazas a todas estas medidas, sumadas ás que xa estaban en vigor con anterioridade, Rueda salientou que permitirán que un contribuínte galego aforre, de media, na súa declaración da renda correspondente ao ano 2023 “476 euros en relación co que pagaba no ano 2009”.

Múltiples deducións vixentes

Rueda lembrou que existen multitude de deducións vixentes que os contribuíntes galegos poden aplicar na súa declaración da renda, entre as que citou as referidas ao nacemento ou adopción de fillos, ao coidado de fillos menores, aos contribuíntes con discapacidade de 65 ou máis anos que precisen axuda de terceiros, aos gastos dirixidos ao uso de novas tecnoloxías nos fogares galegos ou aos de alugamento da vivenda habitual para os de idade igual ou inferior aos 35 anos.

Outras posibles deducións terán vantaxes fiscais por acollemento familiar de menores, por investimento na adquisición de accións e participacións sociais de novas entidades ou de recente creación, por investimentos realizados en entidades cotizadas no mercado alternativo bolsista, por donativos a centros de investigación de universidades galegas e os promovidos ou participados pola Xunta, por investimento en instalacións de climatización e/ou auga quente sanitaria que empreguen enerxías renovables en vivenda habitual ou por rehabilitar bens inmobles en conxuntos históricos.

Tamén poderán aplicarse deducións por cantidades investidas en empresas agrarias e sociedades cooperativas agrarias ou de explotación comunitaria da terra, por obras de mellora de eficiencia enerxética en edificios de vivendas ou vivendas unifamiliares, por axudas e subvencións recibidas por deportistas de alto nivel ou por adquisición e rehabilitación de vivendas en proxectos de aldeas modelo.

Asistencia aos contribuíntes

Por outra banda, unha campaña máis a Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) colaborará de novo coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) e prestará asistencia con 36 persoas aos contribuíntes na confección de declaracións do IRPF nesta campaña, con tres servizos: asistencia telefónica a través do Plan Chamámolo, videoasistencia para maiores de 65 anos e asistencia presencial tradicional, desde as plataformas mixtas, situadas en dependencias da AEAT nas sete grandes cidades galegas -A Coruña, Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo-.

A atención telefónica a través do Plan Chamámolo e a videoasistencia para maiores de 65 anos comezarán o 7 de maio, mentres que a asistencia presencial en oficina comezará o 3 de xuño. Todas as modalidades de asistencia rematarán o 1 de xullo.

4 de abril de 2024 | 18:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.