A Xunta promocionará a calidade diferenciada dos produtos alimentarios galegos da man de preto de 60 empresas no Salón Gourmets de Madrid
A Xunta, a través das Consellerías do Medio Rural e do Mar, estarán presentes na 37ª edición do Salón Gourmets, que terá lugar no recinto IFEMA de Madrid dende o próximo luns 22 de abril ata o xoves 25. Preto de 60 empresas participarán neste evento amparadas polo Goberno autonómico, co obxectivo de promocionar a calidade dos produtos alimentarios galegos.
A Consellería do Medio Rural participará a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria cun posto institucional que ocupará 490 metros cadrados que albergará 36 empresas galegas, acollidas na súa meirande parte por un distintivo de calidade. O espazo contará tamén cunha Aula de Experiencias de Calidade, na que está prevista unha programación diaria de actividades, como demostracións de cociña e catas comentadas, nas que colaborarán diversos consellos reguladores.
Neste sentido, os asistentes ao evento poderán coñecer e degustar unha ampla mostra dos produtos galegos de calidade diferenciada, como os viños con denominación de orixe, queixos ou xeados elaborados con leite galego. Con “Vive Experiencias de Calidade”, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria ofrecerá unha programación de 14 actividades nas que estarán presentes os viños das cinco DO vitivinícolas -Monterrei, Ribeiro, Ribeira Sacra, Valdeorras e Rías Baixas-, os catros queixos con DOP -Arzúa-Ulloa, Queixo de Tetilla, San Simón da Costa e Cebreiro- e as IXP Ternera Gallega ou Pataca de Galicia, entre outras.
Como novidade, esta edición conta ademais cun túnel de Mel de Galicia, onde participarán os meles premiados nas Catas de Galicia 2023; así como outras empresas acollidas a esta indicación xeográfica protexida. Ademais, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria organizará tamén talleres infantís para que os cativos poidan coñecer a importancia dos indicativos de calidade, nesta ocasión a cargo do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia.
Os sabores do mar
Pola súa banda, a Consellería do Mar mantén a súa aposta polas feiras internacionais como plataformas máis axeitadas para levar o peixe e marisco galegos a novos consumidores e mercados internacionais. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, acompañado polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, asistirá o vindeiro luns a esta cita gastronómica na que o departamento que dirixe contará cunha presenza singular nesta nova edición cun posto de 433 metros cadrados de superficie que acollerá a 23 empresas coexpositoras da cadea mar-industria. O obxectivo é promocionar a calidade e sabor dos produtos do mar galegos fóra de Galicia así como difundir as súas importantes propiedades nutritivas e culinarias e poñer en valor o bo facer dos profesionais do mar.
Neste espazo se desenvolverán durante tres xornadas distintas actividades como degustacións e catas enmarcadas na campaña GALICIA SABE AMAR da man de cociñeiros galegos de recoñecido prestixio como Kike Piñeiro e Eloy Cancela (restaurante A Horta do Obradoiro), Begoña Vázquez (restaurante Regueiro da Cova), Emma Pinal (gastrobar O Birrán) ou Javier Rodríguez ‘Taky’ (catering Boketé) entre outros. A través destes profesionais o visitante poderá coñecer o excepcional sabor do peixe e marisco das rías galegas como a pescada do pincho, o mexillón, o bonito do norte ou das verduras do mar, as algas.
Salón Gourmets
Salón Gourmets é unha das feiras gastronómicas de calidade de máis relevancia a nivel nacional e internacional. Con 37 edicións ás súas costas, configurouse como un escaparate no que exhibir produtos tradicionais mesturados coas tendencias máis novidosas no eido da alimentación. A presenza de empresas galegas nun evento destas características pon de relevo a aposta do Goberno autonómico por impulsar a competitividade do sector alimentario, a través da apertura a novos mercados comerciais e recoñecendo o bo facer dos produtores.