A Xunta lanza a cuarta edición do programa de intercambio literario para reforzar a proxección internacional das letras galegas
A Xunta de Galicia acaba de lanzar a convocatoria da cuarta edición do programa intercambio literario, que ten como obxectivo reforzar a proxección internacional das letras galegas. O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, reuniuse coa Premio Nacional de Poesía 2023, Yolanda Castaño, para afondar nos detalles desta convocatoria. A poeta é responsable da Residencia Literaria 1863, entidade colaboradora nesta iniciativa, que coordina o profesor de tradución da Universidade de Vigo Keith Payne.
Por terceiro ano consecutivo –tras unha primeira experiencia con Xeorxia– o intercambio realizarase con Irlanda e céntrase en estimular a creación poética de calidade. Poderán participar os poetas nados ou residentes en Galicia e lrlanda con polo menos un libro de poesía publicado en galego.
O autor galego seleccionado viaxará en setembro ao Condado de Monaghan para traballar na súa escrita creativa desde o Centro Tyrone Guthrie de Annaghmakerrig, situado no campestre contorno de Newblis do Condado de Monaghan, Irlanda. Trátase da que fora casa familiar do director teatral Sir Tyrone Guthrie e que se emprega como retiro artístico.
Pola súa banda, o autor irlandés beneficiario da bolsa fará o propio nunha estadía tamén en setembro na Residencia Literaria 1863 (A Coruña), un apartamento do século XIX no casco histórico herculino.
Ata o 17 de maio
As solicitudes para concorrer ao Intercambio poético Xacobeo na residencia Aodh Ruadh ó Domhnaill poderán presentarse ata o día 17 de maio ás 22,00 h., remitindo un correo electrónico coa documentación ao enderezo 1863coruna@gmail.com.
Cada autor poderá presentar unha única solicitude, incluíndo unha bio-bibliografía, unha memoria do proxecto literario poético que se pensa desenvolver durante a residencia en intercambio, unha carta de motivación e un dossier literario como mostra representativa do seu traballo.
Os proxectos presentados serán analizados por un comité de valoración composto por profesionais de recoñecido prestixio nas literaturas galega e irlandesa, que seleccionarán as mellores candidaturas en función da calidade artística e viabilidade do proxecto literario, da excelencia da traxectoria literaria previa do aspirante e da idoneidade da carta de motivación.
Ata o momento gozaron desta experiencia de intercambio a autora e docente pontevedresa Iria Collazo, que realizou a estadía na Writers’ House of Georgia, en Tblisi, no ano 2021. O poeta lucense Jesús Castro foi o beneficiario da bolsa no ano 2022, e o escritor e biólogo compostelán Xabier Queipo recibiuna en 2023. Ambos os dous realizaron a estadía no Centro Tyrone Guthrie de Annaghmakerrig, en Irlanda.
No caso dos autores estranxeiros que se formaron en Galicia, nunha estadía na Residencia 1863, en 2021 foi a xeorxiana Tea Topuria, mentres que no 2022 e 2023 foron as irlandesas Grace Wells e Dairena Ní Chinnéide, respectivamente
Plan Xeración Cultura
Esta iniciativa enmárcase dentro do Plan Xeración Cultura, a folla de ruta da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades que reforza o sector cultural galego. Esta axuda complétase coas axudas que lanza a Xunta para dar a oportunidade a escritores de viaxar a residencias literarias fóra de Galicia, cun orzamento de 20.000 euros.
Máis alá do exterior, na Comunidade desenvólvense ao longo do ano a Residencia Xacobeo, da que está desfrutando a norteamericana Lindsay Semel coa tradución ao inglés da novela No ventre do silencio de Méndez Ferrín, así como as residencias literarias na Cidade da Cultura ou na Illa de San Simón, a que mantén o prazo de inscrición aberto ata o 24 de abril.
Con estas propostas que se promoven ao longo do ano, a Consellería de Cultura reforza a proxección exterior das letras galegas e a promoción da nosa cultura e dos nosos artistas.