A Xunta fomentará o uso de gando extensivo nos montes coma ferramenta para previr os incendios forestais
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anuncio hoxe que o Consello deu o visto e prace ao Plan de prevención de incendios forestais que estará en vigor ata marzo do 2025 e “que estará dotado de 41 millóns de euros, un 6% máis que o anterior”. Entre outros fitos, este plan “prevé actuar en máis de 60.000 hectáreas e case 5.000 puntos de auga”.
Entre as principais novidades está o obxectivo da Xunta de avanzar na prevención dos lumes mediante o uso da gandaría en extensivo. Tal e como explicou Rueda isto vaise facer a través de “gando propio, propiedad da Xunta” ou mediante “axudas para promover este sistema” entre os gandeiros. A previsión e xestionar 5.000 hectáreas mediante esta fórmula que favorece “o desbroce natural”.
Ademais, no ámbito da prevención, sobresae a ampliación dos contratos do persoal laboral do Servizo de Prevención e defensa contra incendios forestais (SPIF), que ampliarán gradualmente o seu período de contratación dende os 6 ata os 9 meses. “Este mesmo ano, un millar de brigadistas traballarán sete meses”, indicou Rueda, quen anunciou que os primeiros comezarán o seu labor desde mañá, 16 de abril.
Esta medida beneficia case un milleiro de traballadores e vén reforzar o compromiso da Xunta pola prevención e por un servizo contra incendios profesional, público e versátil. Rematado este novo proceso de estabilización, en 2026, todos os integrantes do servizo -3.000 persoas- traballarán, como mínimo, ao longo de 9 meses ao ano, incidindo nunha maior intensidade dos traballos preventivos.
Tamén no eido preventivo a través do reforzo do persoal sobre o terreo, hai que sinalar o renovado protocolo de colaboración entre a Xunta e Deputación de Ourense -por un total de 3,8 millóns- que, ademais de dotar os concellos doutros 12 novos tractores, activa catro pilotos para dotar con 16 novas brigadas por seis meses a catro mancomunidades da provincia, o que reforzará o traballo de prevención en arredor de 320 hectáreas de áreas cortalumes e faixas auxiliares. A maiores, este protocolo inclúe a formación especializada ao persoal municipal e das mancomunidades a través do Centro Integral de Loita contra o Lume de Toén, no que tamén se formará persoal dos concellos pontevedreses apoiado neste caso no novo convenio entre a Xunta e Deputación desta provincia.
Planificación preventiva
A planificación preventiva é o eixo fundamental sobre o que pivota o Plan de prevención avaliado hoxe polo Consello da Xunta. Neste contexto, o documento presenta varias novidades, entre as que o presidente autonómico resaltou “o reforzo da prevención na fronteira con Portugal, unha zona tradicionalmente cunha alta incidencia de lumes” e o fomento de traballos preventivos silvopastorís, favorecendo apostas como a colaboración público-privada.
Neste sentido, inclúese no Plan as medidas con cargo ao convenio de colaboración entre a Consellería do Medio Rural, Altri e Inditex, que financia actuacións estruturais destinadas á recuperación do territorio galego afectado por incendios forestais de singular incidencia -abranguendo, atendendo aos lumes do 2022, ás comarcas do Courel, Valdeorras, Monterrei, O Barbanza e o Macizo Central-.
O estudo das incidencias dos lumes permitirá executar actuacións estratéxicas que se executarán nas cinco áreas xa mencionadas e na propia Raia -ao incluír zonas pertencentes a Monterrei, unha das comarcas galegas máis afectadas polos incendios-, incluíndo infraestruturas de defensa no monte e a delimitación de áreas de xestión -zonas definidas como chave para o traballo do persoal do Servizo de Prevención e defensa contra incendios forestais -.
No que atinxe á fronteira con Portugal, avanzarase na fixación de áreas estratéxicas preventivas na loita contra os lumes transfronteirizos, ademais de contar coa nova base aérea de Verín-Oímbra, xa operativa esta campaña. Estes traballos de planificación na Raia arrancarán nun piloto que inclúe a ampliación dun souto de castiñeiros como área cortalumes na parroquia de Videferre (Oímbra), ademais de actuacións previstas noutros concellos da mesma comarca limítrofes con Portugal.
En canto ao fomento do pastoreo en zonas estratéxicas para a prevención de incendios apoiarase en dúas liñas, coas que en total se xestionarán 5.000 hectáreas a través do gando en extensivo como alternativa á maquinaria. Por un lado, cun piloto de rabaños públicos -propiedade da Xunta- para o control da biomasa na contorna de aldeas da comarca do Xurés. E polo outro, cunha convocatoria de axudas para o pastoreo en extensivo, que plasma o compromiso da Xunta con esta actividade.
Plan de queimas prescritas
O principal obxectivo deste plan preventivo -que inclúe actuacións en 5.300 quilómetros de pistas forestais e outras vías, así como en 4.887 puntos de auga (entre a creación de puntos novos e o mantemento dos existentes)- é anticiparse aos incendios forestais ou que, no caso de que se rexistren, a súa propagación sexa a menor posible. Asemade, entre as súas finalidades específicas están as de limitar a potencialidade dos grandes incendios forestais ou a planificación preventiva, xestionando a biomasa forestal en zonas estratéxicas mediante técnicas silvícolas axeitadas e de fomentar actuacións silvopastorais e pasteiros -o Plan de pastos contará este ano cun investimento de 2,2 millóns para executar ata 14 pasteiros-.
Tamén se desenvolverá un plan de queimas prescritas, avaladas polos técnicos do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, actuando en 1.680,72 hectáreas. Ademais, doutras novidades deste ano será o traballo de 14 equipos multifunción -denominados batracios-, uns vehículos que, cun investimento de máis de 4,8 millóns permitirán aumentar de xeito considerable as actuacións contempladas, chegando a intervir en 1.260 hectáreas de áreas cortalumes e outras tantas de faixas auxiliares -ademais de colaborar na melloras de pista ou mantemento de puntos de auga-.
Este plan estrutúrase en dous bloques: a programación de accións dirixidas á poboación e as centradas no territorio. As primeiras teñen que ver, por exemplo, coa sensibilización da poboación escolar e do rural, con 300 charlas aos estudantes e 35 accións formativas en parroquias de alta actividade incendiaria, así como campañas nos medios. Neste apartado tamén se inclúe o traballo relacionado coa tramitación do anteproxecto da Lei de loita integral contra os incendios forestais, actualmente en trámite de análise e resposta das alegacións recibidas.
Accións no territorio
O segundo gran bloque deste plan preventivo céntrase nas medidas e accións dirixidas ao territorio. Neste amplo apartado intégranse por exemplo as relativas á vixilancia do cumprimento das obrigas de xestión da biomasa tanto nas faixas primarias (de estradas e vías férreas) como nas secundarias (as máis próximas ás vivendas) e nas terciarias (de camiños, pistas ou devasas en terreo forestal).
En relación coas faixas máis próximas ás vivendas, o plan integra, entre outras accións, as vinculadas ao convenio de colaboración subscrito coa Fegamp e Seaga para a protección das aldeas. Ponse en valor que son xa 283 os municipios adheridos ao convenio de protección das aldeas entre a Xunta, a Fegamp e Seaga, o que supón algo máis do 90 % do territorio. Ademais, están elaborados 279 plans municipais de prevención (representan o 98 % dos concellos adheridos) e aprobados 241 (máis do 79 % dos elaborados).
Aposta pola prevención
A implicación da Xunta coas actuacións preventivas incrementouse notablemente nos últimos anos. Así, a dotación do Plan aumentou nun 34,7 % dende 2020 -de 30,5M ata os actuais 41,1M-. Un punto destacado neste sentido é a importante evolución do convenio de colaboración coa Fegamp e Seaga, principalmente dende 2021. Neste sentido, entre 2021, 2022 e 2023 inspeccionáronse un total de 129.992 hectáreas de 1.802.243 parcelas incluídas na rede de faixas secundarias de xestión de biomasa. No relativo á superficie xestionada, ben polos propietarios ou ben de xeito subsidiario, pasou de representar a metade do total en 2019 a superar o 70 % en 2023. Ademais, os propietarios das parcelas non xestionadas están sendo obxecto da correspondente notificación. Suman, dende o ano 2021, un total 415.524 notificacións xeradas e 279.810 referencias catastrais para publicar en diarios oficiais.
Este plan integrarase no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais (Pladiga) 2024 que, como é habitual, aprobarase antes do inicio da tempada de alto risco de lumes -que arranca o vindeiro 1 de xullo-.