publicidade hoxe

A Xunta exporta a Suecia e Italia a plataforma de teleasistencia domiciliaria do Servizo Galego de Saúde

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, presidiu esta mañá a primeira das reunións de traballo que o Sergas manterá con representantes dos sistemas sanitarios de Suecia e Italia, onde a plataforma de teleasistencia domiciliaria da Xunta ‘TELEA’, foi exportada como modelo a implantar nos seus sistemas sanitarios.

Durante hoxe e mañá, senllas delegacións dos sistemas sanitarios sueco e italiano, coñeceran de primeira man o funcionamento e a organización do modelo de teleasistencia galego, unha plataforma que, no 2021, foi recoñecida pola Unión Europea como boa práctica a transferir aos estados membro.

Deste xeito, autoridades do Ministerio Nacional de Saúde e Benestar de Suecia, profesionais da rexión sueca de Norrbotten; e representantes da sanidade local de Módena, Téramo e o Piemonte (Italia), visitarán o Centro de Saúde de San Paio e o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, para comprobar o funcionamento de TELEA, tanto no ámbito da atención primaria, como no eido da atención hospitalaria.

As xuntanzas de traballo destes días, insírense dentro do proxecto CIRCE Joint Action Transfer of Best Practices in Primary Care, unha iniciativa na que participan 14 países europeos, e na que a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) e o Sergas, interveñen como propietarios da plataforma TELEA.

Seguimento de pacientes no seu domicilio

TELEA é a plataforma de telemonitorización do Servizo Galego de Saúde para o seguimento dos pacientes no domicilio. Así, emprega as tecnoloxías da comunicación para manter en contacto aos profesionais sanitarios e aos seus doentes, co ánimo de facilitar a monitoraxe do seu estado de saúde, ao tempo que evita o seu desprazamento ate o centro de saúde.

O sistema de telemonitorización galego resultou fundamental durante os últimos anos para o seguimento da pandemia da covid-19. Con todo, o seu obxectivo principal é mellorar da calidade de vida dos enfermos a través dun seguimento estreito encamiñado a detectar, coa maior axilidade posible, descompensacións nos indicadores de saúde.

Coa súa proba nos sistemas sanitarios sueco e italiano, a telemonitorización galega sitúase como modelo de referencia no ámbito da telemedicina en atención primaria no conxunto da Unión Europea.

Cómpre salientar que a plataforma TELEA está en constante crecemento e evolución. Así, o número de doentes crónicos incluídos nesta plataforma triplicouse entre os anos 2022 e 2023, superando na actualidade a cifra dos 4.600 pacientes crónicos con seguimento diario, e as preto de 7 millóns de biomedidas rexistradas.

A monitorización destes pacientes aborda protocolos en materia de diálise domiciliaria, o control da diabetes, da EPOC, da hipertensión arterial, de coidados paliativos no caso de hospitalización a domicilio, ou da insuficiencia cardíaca, entre outros.

22 de abril de 2024 | 16:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.