publicidade hoxe

A Xunta avanza que os pagos polos ecorréximes da PAC cubrirán en Galicia preto de 23.000 solicitudes cun importe de 15 M€ que se aboará no prazo establecido

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+

María José Gómez no Parlamento

Os pagos polos ecorréximes da PAC cubrirán en Galicia preto de 23.000 solicitudes na actual campaña, cun importe de case 15 millóns de euros, que se aboarán no prazo establecido, segundo avanzou hoxe a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, en resposta a unha pregunta sobre esta cuestión no Pleno do Parlamento.

A conselleira explicou que pediron estas achegas case o 67 % dos solicitantes galegos da PAC, que o importe a pagar representa en torno a un 7 % do total das axudas da Política Agraria Común en Galicia e que estas achegas están dentro do prazo normal de pago. Engadiu que os pagamentos pendentes da campaña 2023 efectuaranse dentro do prazo fixado, antes do 30 de xuño de 2024.

Neste sentido, puxo en valor tamén que Galicia xa efectuou o pago do 90 % dos importes en todas as demais liñas de axudas da PAC correspondentes á presente campaña, así como o 100 % nas dúas medidas de zonas con limitacións naturais, o que supón máis de 146 millóns de euros inxectados no rural galego.

Todo isto, advertiu Gómez, malia o “pouco atractivo” dos ecorréximes para os produtores galegos. Así, a conselleira sinalou que esta novidade da PAC, lonxe de representar un polo de captación de fondos, instaurouse “en detrimento da nosa comunidade”, xa que moitos dos ecorréximes ou non teñen aplicación en Galicia ou contan con requisitos moi dificultosos de acadar que non lles compensan ás explotacións, en consideración dos baixos importes que percibirían.

Modificación da PAC

Por iso, censurou o enfoque dado polo Goberno central a esta cuestión, cunha “ollada posta no sur de España” e sen mirar cara Galicia. Nesta liña, María José Gómez lembrou que a Xunta demandou, en todas as propostas de modificación da PAC solicitadas ao Ministerio -desatendidas, en maior medida- o cambio dos ecorréximes. Así, manifestou que se procurou unha postura común coas comunidades da Cornixa cantábrica, así como coas principais asociacións profesionais agrarias e cooperativas de Galicia, a prol dunha modificación e adaptación da PAC á totalidade do territorio, fronte á súa orientación claramente “mediterránea”.

Neste mesmo sentido, a conselleira indicou que esa postura común incide tamén na necesidade de facilitar a actividade, diante de calquera traba burocrática ou doutra índole que poida supoñer un obstáculo para o seu desenvolvemento normal. Lembrou, en todo caso, que a aplicación dos ecorréximes é voluntaria e que a Xunta ve neles unha vía de financiamento importante, feito polo que -precisamente- continúa esixindo a súa efectiva adaptación á realidade da nosa comunidade.

Adaptación e simplificación

Nesta liña, Gómez engadiu que Galicia non só demanda a adaptación dos ecorréximes, senón que tamén reclama a súa simplificación, e por iso aplicou na convocatoria de 2023 todas as axilizacións que permite a normativa estatal.

Así, reduciuse a un total de 90 días o período mínimo no continuo do pastoreo; estableceuse nos meses de xullo e agosto o período de non aproveitamento das superficies de pastos permanentes e temporais obxecto de sega sostible e consolidouse un período obrigatorio de catro meses -desde o 1 de decembro ata o 31 de marzo- no que a cuberta vexetal debe permanecer viva.

Por outra banda, a conselleira destacou na súa intervención parlamentaria a importancia da creación dunha dirección xeral específica sobre a PAC e o control da Cadea Alimentaria dentro do organigrama da Consellería do Medio Rural.

24 de abril de 2024 | 17:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.