A Xunta activa a descarga por parte de particulares da 5ª edición do Bono Activa Comercio dotada con 2,5 M€
A Xunta de Galicia activa desde hoxe a descarga por parte de particulares da quinta edición do Bono Activa Comercio, unha iniciativa dotada con 2,5 millóns de euros coa que se prevé mobilizar 12 millóns de euros en vendas nos establecementos de proximidade galegos, co obxectivo de incentivar a demanda e atraer nova clientela ao sector.
Os negocios que desexen participar nesta iniciativa levan adheríndose desde o pasado 16 de abril, e teñen de prazo para seguilo facendo ata o 1 de setembro. Mentres, as persoas consumidoras poderán descargar desde xa na web www.bonosactivacomercio.gal bonos desconto de ata 30 euros para as compras que realicen nos comercios adheridos.
Os bonos terán formato dixital QR e estarán dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil. O importe irase reducindo en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalle un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.
Como en anteriores ocasións, cada persoa poderá descargar un único bono, e non se limitará o número de usuarios que poden descargar os bonos, senón que cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 millóns de euros, os bonos descargados xa non se poderán utilizar.