A Axencia Tributaria de Galicia anula débedas residuais en período executivo por ter un importe inferior a tres euros
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha resolución conxunta da Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) e da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma pola que se acorda a anulación e baixa en contabilidade de todas aquelas liquidacións que se encontren en período executivo e das cales resulte unha débeda pendente de recadar por un importe inferior aos tres euros.
A anulación de débedas residuais realízana de xeito periódico todas as administracións tributarias. O seu obxectivo é evitar actuacións recadadoras que supoñen unha perda para a facenda pública, xa que nestas liquidacións xéranse uns custos superiores aos recursos que potencialmente se puidesen obter coas mesmas.
As actuacións previstas na resolución publicada hoxe no DOG efectuaranse en relación coas liquidacións das cales resulte unha débeda pendente inferior á referida cantidade a 31 de decembro de 2023. Neste caso, suporá a anulación de 858 débedas que suman un total de 813,66 euros, é dicir, un importe medio de 0,9 euros por cada débeda anulada.