publicidade hoxe

O Nodo CIBER.gal consolida en Galicia un ecosistema de ciberseguridade que integra ás administracións, empresas, universidades e institucións de referencia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+

O Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal consolidouse en 2023 como espazo de referencia para o ecosistema galego da seguridade de información, coa incorporación de 10 grandes empresas e a realización ou participación en todo tipo de iniciativas de concienciación, promoción do talento e do coñecemento e prestación de servizos. Na actualidade, son xa máis de 50 as administracións, universidades, empresas e institucións que forman parte deste modelo de colaboración creado en 2020.

Os responsables de CIBER.gal presentaron recentemente, ante a Asemblea do Nodo, a Memoria correspondente a súa actividade no 2023. O documento destaca actividades de concienciación e capacitación dirixidas á cidadanía, ás administracións públicas ou ao tecido empresarial. Entre elas, atópase a celebración do III Encontro CIBER.gal, que reuniu en Santiago a algúns dos principais expertos nacionais en ciberseguridade; e o desenvolvemento do Curso Superior de Ciberseguridade destinado aos empregados públicos.

Entre as campañas dirixidas á cidadanía, a memoria destaca as máis de 4 millóns de visualizacións que tiveron os vídeos de #CiberEsther; os máis de 6.600 escolares que participaron no concurso ‘Ciberseguridade no cole!’, ou os case 4.000 participantes nas iniciativas de concienciación e formación en ciberseguridade nos colexios.

A Memoria tamén destaca que, en 2023, deseñouse e púxose en marcha o novo espazo web do Nodo CIBER.gal, así como a web ciberseguridadegalicia.gal, que concentra toda a información e recursos de Galicia nesta materia. O Nodo participou tamén na elaboración da Estratexia Galega de Ciberseguridade e formalizou colaboracións con organizacións internacionais como a Global Cybersecurity Alliance.

Entre a actividade de 2023, a Memoria destaca o fomento do talento a través da participación ou implicación en iniciativas como os servizos de ciberseguridade para entidades locais; ou a sinatura do convenio entre o INCIBE e as tres comunidades participantes -Galicia, Cataluña e Comunidade Valenciana- no proxecto do Centro de Innovación en Competencia en Ciberseguridade.

Precisamente, o desenvolvemento deste convenio figura entre as principais liñas de traballo para este ano. Así, a Memoria destaca a próxima creación en Galicia deste centro, centrado no transporte intelixente. Esta actuación conta cun financiamento público e privado de máis de 19 millóns de euros e forma parte do programa RETECH, no que tamén participan Cataluña e a Comunidade Valenciana.

28 de febreiro de 2024 | 15:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.