O DOG publica o complemento autonómico ás pensións non contributivas que recibirán este mes 37.000 galegos
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o complemento autonómico para as arredor de 37.000 persoas que perciben en Galicia unha pensión non contributiva. O Goberno galego achegará a todas elas unha axuda extraordinaria de 218 euros nun pago único anual que recibirán de maneira automática nas súas contas bancarias neste mes de febreiro, sen necesidade de que o soliciten e sen facer trámite algún.
A Administración autonómica destina algo máis de 8 millóns de euros a este complemento, que ten por finalidade mellorar a capacidade adquisitiva das persoas que o reciben. Está dirixido a beneficiarios de pensións de xubilación e invalidez nas súas modalidades non contributivas, do fondo nacional de asistencia social e do subsidio de garantía de ingresos mínimos.
Galicia é unha das poucas comunidades autónomas que concede de xeito ininterrompido durante os últimos anos esta axuda extraordinaria que non é obrigatoria, pois son os propios Executivos autonómicos os que deciden mantela. Ademais, mantense o incremento do 5,8% na contía deste complemento que xa se aplicou o ano pasado e adiantase de novo o seu pagamento ao mes de febreiro, xa que anteriormente estas axudas pagábanse a finais de cada ano.