publicidade hoxe

O DOG publica a resolución das axudas para mellora de explotacións e a incorporación da mocidade ao agro de 2023, cun investimento de máis de 32 M€ e 875 beneficiarios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada dereitaProvincias
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da convocatoria de 2023 das axudas para a mellora de explotacións, a incorporación de mozos á actividade agrogandeira e para pequenas explotacións. En total, aprobáronse 875 expedientes entre as tres liñas de achegas, cun orzamento total de 32,13 millóns de euros, sendo aprobadas todas as solicitudes presentadas nas tres liñas de achegas que cumpriron cos requisitos.

Das 875 solicitudes aprobadas, resolvéronse favorablemente 504 plans para investimentos de melloras en explotacións agrarias cun importe de 19,05 millóns de euros.

No apartado destinado a mozos, un total de 252 incorporaranse á actividade agraria con estas subvencións, que se aprobaron cun orzamento total de 11,29 millóns de euros.

Con respecto ás axudas específicas para pequenas explotacións, da convocatoria de 2023 beneficiaranse 119 granxas cun investimento total de 1,79 millóns de euros.

Convocatoria de 2024

Cómpre recordar que o prazo para a solicitude das axudas correspondentes a anualidade de 2024 para os plans de mellora, a incorporación de mozos e persoas de entre 41 e 55 á actividade agrogandeira -de nova creación- e para o desenvolvemento de pequenas explotacións, está aberto ata o 22 de marzo. Nesta ocasión, o orzamento ascende a 47 millóns de euros para cubrir estas catro liñas de achegas.

Con estas axudas búscase mellorar a estrutura produtiva das explotacións galegas e avanzar na consecución dunha adecuada dimensión e un correcto equilibrio dos seus factores de produción co obxectivo de mellorar a competitividade. Ao mesmo tempo, procúrase acadar un rexuvenecemento da poboación activa agraria e fomentar o emprego neste sector, con especial consideración cara ás mulleres, co fin último de fixar poboación no rural.

2 de febreiro de 2024 | 14:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.