publicidade hoxe

Galicia inicia 2024 coa cifra de paro máis baixa nun xaneiro desde hai 28 anos e é a segunda comunidade na que máis descende na evolución anual

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada esquerdaProvincias
A-
A+

Galicia comeza 2024 con 131.101 persoas en paro: a cifra máis baixa nun xaneiro desde que hai rexistros, é dicir, desde hai 28 anos (1996). Así o destacou hoxe a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, na valoración que fixo en Ourense do paro rexistrado e das cifras de afiliacións á Seguridade Social que se publicaron esta mañá.

A baixada reflectida na evolución anual (-9,62%) sitúa a Galicia como a segunda comunidade autónoma na que máis caeu o paro. Galicia conta con 13.947 persoas menos en situación de desemprego que en xaneiro de 2023. A caída reflectida tivo lugar nas catro provincias, nas sete cidades e en todos os sectores de actividade, liderando a baixada a industria (-14,23%), seguido da construción (-12,22%).

Por colectivos prioritarios, Rivo salientou que a cifra de menores de 30 anos e de mulleres é a máis baixa nun xaneiro desde que hai rexistros, desde 2005.

En canto ás afiliacións, Galicia gañou no último ano 19.793 cotizacións á Seguridade Social e segue a superar o millón (1.050.530) cun nivel superior ao reflectido hai 15 anos.

Con respecto á comparativa mensual, indicou que o incremento do 1,23% do paro é unha suba estacional polo remate da campaña de Nadal. De feito, o paro cae en todos os sectores, agás no dos servizos. Explicou que o desemprego adoita subir en Galicia nos meses de xaneiro e que, en todo caso, a subida deste 2024 é inferior á rexistrada o ano pasado. Ademais, o paro aumentou en todas as comunidades autónomas, agás en Baleares e as afiliacións baixaron en todas as rexións.

Emprego transversal

Para a conselleira de Promoción do Emprego, a prioridade da Xunta continúa sendo a promoción dun emprego de calidade en Galicia co deseño de políticas activas de emprego transversais para dar apoio aos autónomos e emprendedores, á economía social e ás pequenas e medianas empresas.

O principal reto da Xunta no eido laboral é axustar a oferta coa demanda do mercado de traballo e, así, ten en marcha programas para formar aos demandantes de emprego nos sectores nos que teñen máis opcións de atopar traballo; ao tempo que se está a modernizar as oficinas de emprego botando man da intelixencia artificial.

2 de febreiro de 2024 | 14:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.