publicidade hoxe

A Xunta destina 4 M€ en axudas para a valorización e a segunda transformación da industria forestal madeira e do contract

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocalLocal PortadaPortada esquerdaProvincias
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan as axudas para á valorización, segunda transformación e ecoinnovación de produtos forestais e á dixitalización e mellora da seguridade e saúde na contorna laboral da industria forestal galega e do contract no período 2024-2025.

Trátase dunha liña de achegas que contribuirá á consolidación das pequenas e medianas empresas que conforman este sector, o que lles permitirá gañar en competitividade e apostar por procesos de produción con menor impacto ambiental.

Ademais, está enmarcada na Axenda de impulso forestal-madeira, unha folla de ruta deseñada conxuntamente cos principais axentes do sector para potencialo e impulsar a bioeconomía como motor de competitividade, favorecendo unha sociedade saudable, neutra en carbono, baseada no emprego verde e no consumo de produtos locais.

Novidades da convocatoria

Algunha das novidades que caracterizan esta convocatoria son a creación de dúas novas liñas de axudas, centradas na dixitalización e a ecoinnovación; ademais da simplificación administrativa, xa que a meirande parte da información se elimina mediante unha relación de declaracións responsables que se introducen no propio anexo de solicitude.

A diferencia das anteriores convocatorias, a de 2024 contempla actuacións relacionadas coa dixitalización, a apoiar proxectos de dixitalización das persoas beneficiarias dende a implantación de sistemas de dixitalización, xa sexa dalgún proceso concreto ou de xestión integral especificamente deseñados, desenvoltos ou adaptados a un proceso concreto dentro do seu ámbito de actividade ate Implantar sistemas para o control e/ou mellora dos procesos produtivos. Neste sentido, fai referencia a sistemas de captura de datos, automatización ou supervisión remota, entre outros.

Por último, a liña de achegas vencellada coa ecoinnovación, dirixida a apoiar proxectos destinados a ecodeseñar produtos ou materiais que utilicen a madeira como materia prima, para conseguir desenvolvementos técnicos ou prototipos que melloren a pegada ambiental ao longo do ciclo de vida. Tamén ten como obxectivo impulsar aqueles proxectos ou solucións de economía circular, encamiñadas a previr o malgasto e recuperar o máximo valor dos materiais ou a introducir ferramentas para a análise dos aspectos ambientais que permitan á empresa identificar e, nalgúns casos, cuantificar os impactos ambientais asociados ás distintas fases do ciclo de vida en procesos produtivos vinculados coa madeira.

Resto de liñas de axudas

Por primeira vez neste tipo de achegas -que se convocan anualmente dende o 2021- establécense seis liñas definidas en materia de accións subvencionables, cada unha delas dirixidas a diferentes obxectivos. A primeira está centrada a cuestións vencelladas coa competitividade e valorización e subvencionará actuacións como a compra de maquinaria, as obras e instalacións necesarias para a correcta instalación e funcionamento dos investimentos obxecto da subvención, entre outros.

A liña número dous refírese ao mobiliario, o contract e construción. Financia tamén a compra de maquinaria, neste caso a vinculada ao deseño e fabricación de mobiliario e de elementos para a construción. A maiores subvencionará outros bens de equipamento novos que formen parte do activo da empresa e interveñan no proceso produtivo obxecto do proxecto.

As certificacións, os ensaios e os informes son outra das liñas contempladas nesta convocatoria. Teñen como obxectivo a implantación e certificación da cadea de custodia de produtos forestais, de normativas de calidade e de xestión ambiental.

Por outra banda, no relativo a seguridade e saúde na contorna laboral, financiaranse servizos para a implantación e certificación do estándar en seguridade; para a creación, mellora e expansión de servizos de prevención mancomunados e medidas orientadas á minimización do risco de orixe e propagación de incendios, entre outros.
Beneficiarios
Poderán beneficiarse destas axudas aquelas pequenas e medianas empresas -incluídas persoas autónomas- da industria forestal e do contract que utilicen madeira e os seus derivados -resina, cortiza ou outros produtos de orixe forestal, exceptuando os produtos alimentarios-, como materia prima para a elaboración dos seus produtos.

Tamén poderán beneficiarse aquelas empresas que presten servizos de prevención de riscos laborais, así como as organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro, que teñan base asociativa e presten os ditos servizos ou sexan representativas ou estean relacionadas coa cadea de valor da industria forestal-madeira.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir de mañá, día seguinte ao da súa publicación. Mentres tanto, o prazo de xustificación será para a anualidade do 2024, ata o 15 de outubro de 2024 inclusive, e para a anualidade do 2025 ata o 15 de abril de 2025.

9 de febreiro de 2024 | 13:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.