A Xunta convoca as axudas para a creación de superficies forestais de coníferas e frondosas, dotadas con algo máis de 1,5 millóns de euros
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a creación de superficies forestais de coníferas e frondosas, dotadas cun orzamento de algo máis de 1,5 millóns de euros.
A través destas achegas, poderán crearse superficies forestais con cinco especies diferentes de coníferas, como o piñeiro do país ou o piñeiro silvestre; e con 21 especies de frondosas, como o ameneiro, o bidueiro, o freixo ou o castiñeiro, entre outros. Entre os posibles beneficiarios destas subvencións están as entidades locais e as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda, tanto propietarios como arrendatarios ou xestores.
Polo tanto, serán subvencionables os gastos vencellados coa planificación forestal e de área de defensa contra incendios forestais, como o tratamento da vexetación preexistente, a preparación previa do terreo ou a adquisición de planta. Por outra banda, financiaranse tamén aqueles custes relacionados coas infraestruturas de acompañamento -como as obras complementarias- e os honorarios de redacción de proxecto.
O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días hábiles a partir do próximo luns, 5 de febreiro.