publicidade hoxe

A Xunta convoca a través da Academia Galega de Seguridade Pública cursos de reciclaxe de socorrismo acuático

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) para a realización de tres edicións dos cursos de reciclaxe de socorrismo acuático, válidos para a renovación da inscrición no Rexistro profesional do persoal de socorrismo, información e primeiros auxilios de Galicia. As accións forman parte do plan formativo da Academia dirixido a persoal socorrista de Galicia, do que xa se convocaron a semana pasada outros seis cursos para persoas interesadas en acceder á profesión.

Das edicións convocadas hoxe, dúas están dirixida aos profesionais que desenvolven a súa actividade en instalacións acuáticas. Destas, unha celebraranse no concello da Estrada a mediados de marzo e outra no de Outeiro de Rei en xuño. A outra edición diríxese aos profesionais que desenvolven a súa actividade en espazos acuáticos naturais e terá lugar no concello de Sanxenxo na segunda quincena de maio. Todos os cursos teñen carácter presencial, 16 horas de duración e contan con 35 prazas cada un deles.

As persoas interesadas en participar nestas accións formativas dispoñen desde mañá ata o 11 de marzo para formalizar a súa inscrición, que deberá facerse a través do formulario de matrícula telemática dispoñible na web da Agasp (http://agasp.xunta.gal).

Estes cursos de reciclaxe enmárcanse no plan de formación previsto pola Agasp para 2024 dirixido ao persoal dos servizos de emerxencias que actúan en Galicia, entre os que figuran os profesionais do socorrismo. As prazas ofertadas para este colectivo no que vai de ano son xa 267, entre os cursos de formación específica para o acceso publicados a pasada semana e os de reciclaxe convocados hoxe.

Centro formativo de referencia

A Agasp é o centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade en Galicia e tamén dos servizos de emerxencias. Ademais de preparar as novas promocións de Policía Local, ofrece cursos con contidos actualizados e adaptados á realidade do seu traballo diario para garantir a seguridade dos galegos e galegas. Desde a súa posta en funcionamento en 1993 formou arredor de 170.000 persoas.

28 de febreiro de 2024 | 15:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.