publicidade hoxe

A Xunta abre o prazo das axudas turísticas para concellos de menos de 10.000 habitantes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a nova convocatoria da liña de axudas destinada a concellos galegos de menos de 10.000 habitantes coas que se busca o impulso e consolidación turística do rural galego. Cun investimento de 2M€, subvencionaranse actuacións que se centren na recuperación, accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos coa posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística.

Como se indica no DOG, a convocatoria é de concorrencia non competitiva e as solicitudes poderanse presentar desde mañá xoves 29 de febreiro ás 12,00 horas ata o día 1 de abril de 2024. En concreto, sufragaranse actuacións de embelecemento dos accesos aos recursos turísticos que poderán incluir a recuperación e tratamento paisaxístico da contorna dos recursos, iluminación ornamental, xa sexa primeira instalación ou mellora, ampliación ou substitución da existente, tamén a recuperación e creación de miradoiros paisaxísticos, rutas de sendeirismo e outros elementos de interese turístico e adecuacións de espazos destinados ao estacionamento de vehículos dos visitantes.

As axudas tamén inclúen o embelecemento dos recursos turísticos e dos bens declarados de interese cultural ou cun procedemento de declaración xa iniciado, así como as que afecten á contorna de protección (embelecemento de vías, ocultamento de colectores de residuos que se atopen no propio recurso turístico ou BIC, así como eliminación de cableado aéreo e antenas de comunicacións).

Accesibilidade turística

Ademais, as actuacións de posta en valor turístico dos recursos que poderán incluir as seguintes: rehabilitación ou restauración para a súa dedicación a usos turísticos distintos do aloxamento de persoas, recuperación de elementos de interese etnográfico ou da arquitectura tradicional.

Do mesmo xeito, estas axudas sufragarán tamén as actuacións que leven a cabo os concellos para mellorar a accesibilidade dos seus recursos turísticos como a eliminación de barreiras arquitectónicas no acceso aos bens, recursos e rutas turísticas ou as destinadas a facilitar o acceso das persoas con algún tipo de discapacidade sensorial á información turística dos recursos. Tamén se apoia a sinalización dos recursos. Os proxectos poderán acadar unha subvención de ata o 100% do orzamento do investimento subvencionando e o importe máximo da axuda a cada concello será de 30.000 euros.

28 de febreiro de 2024 | 15:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.