publicidade hoxe

Os establecementos de lecer nocturno poden adherirse desde hoxe ao protocolo autonómico contra as violencias sexuais e LGBTIfóbicas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

Discotecas, salas de festa, pubs e cafés espectáculo de Galicia poden formalizar desde hoxe, e de xeito voluntario, a súa adhesión ao Protocolo de actuación contra as violencias sexuais e LGBTIfóbicas nos espazos de lecer nocturno, aprobado polo último Consello da Xunta de Galicia para combater violencias sexuais e discriminacións nestes recintos. O documento está a disposición xa na web de Igualdade (https://igualdade.xunta.gal/gl/content/protocolo-de-actuacion-contra-violencias-sexuais-e-lgbtifobicas-nos-espazos-de-lecer).

O Goberno galego brinda así aos establecementos esta nova ferramenta para combater as violencias e abordar a prevención, a detección e a actuación ante situacións de agresión sexual e LGBTIfóbica que se poidan producir nestes espazos. A adhesión ao documento garante a formación do persoal destes recintos e o seguimento protocolizado das actuacións a seguir en casos de risco.

O protocolo ten por obxectivo xerar un modelo festivo e de ocio nocturno baseado na igualdade e no respecto ás liberdades individuais e colectivas de todas as persoas. Na súa elaboración contou coas achegas do Observatorio da Violencia de Xénero e do Observatorio LGBTIQ+, ademais das entidades representativas deste sector.

Grazas a este marco bríndanse aos profesionais do lecer nocturno pautas para recoñecer manifestacións violentas, ben relacionadas coa presenza de imaxes ofensivas no recinto, como coa linguaxe sexista ou de contacto físico ou intimidatorio.

O protocolo ofrece pautas de actuación en situacións de perigo, que poñen no centro á vítima, como a necesidade de que o persoal do establecemento se identifique e que ofreza un espazo tranquilo e de seguridade para a vítima.

Entre outras medidas, se a persoa agredida precisa atención sanitaria ou ten problemas de comprensión (polo estrés, situacións de consumo ou dificultades co idioma), o persoal deberá buscar a axuda pertinente. No caso de ter diante ao agresor ou agresores, o establecemento deberá amosar o seu rexeitamento ante esas condutas violentas e, de ser o caso, chamar ás forzas e corpos de seguridade.
O protocolo diríxese a todas as persoas que interveñen nos establecementos de lecer nocturno, desde o equipo directivo, persoal de seguridade e sala, de barra ou doutro tipo. Aos efectos da aplicación do documento, consideraranse establecementos de lecer nocturno as discotecas, salas de festas, pubs e cafés-espectáculos, que poderán sumarse desde hoxe, independentemente de que xa dispoñan dun protocolo específico para previr e/ou reducir as violencias sexuais no seu local.

Para formalizar a adhesión, os establecementos que así o desexen deben dirixirse á páxina web da Secretaría Xeral de Igualdade e remitir polas canles establecidas o documento de solicitude de adhesión que se achega nos anexos do protocolo e asumindo os compromisos que contempla.

Os establecementos que se sumen ao protocolo, comprometeranse a non utilizar na publicidade contidos ou criterios de acceso ao local discriminatorios ou sexistas (prezos diferenciados para homes e mulleres, bonificacións en forma de bebidas para as mulleres, etc.). Darán visibilidade tamén ao seu compromiso contra as violencias a través do uso da imaxe Agresión OFF violencias sexuais e LGBTIfóbicas, que deberá estar visible por medio da sinalización elaborada ad hoc.

A adhesión voluntaria ao protocolo irá acompañada, a maiores, dun programa de formación en liña que a Xunta de Galicia dirixirá tanto ao equipo directivo dos establecementos como ao persoal de seguridade e sala, de barra ou doutro tipo.

O curso terá dez horas de duración distribuídas en catro semanas. Estruturarase en cinco módulos temáticos que abordarán as formas de violencia contra a muller e contra as persoas LGBTI; a análise do contexto nos que se producen e a súa detección; as pautas de actuación ante casos de violencia sexual ou LGBTIfóbica e como previr estes comportamentos a través da educación e da sensibilización da cidadanía. Ao remate da formación, e superada a avaliación, o persoal dos espazos de lecer nocturno recibirá un diploma acreditativo da formación recibida.

12 de xaneiro de 2024 | 12:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.