publicidade hoxe

O Sergas vinculará o persoal facultativo especialista investigador dos programas río Hortega e Juan Rodés mediante nomeamentos estatutarios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+

O DOG publica no día de hoxe o acordo de mesa sectorial sobre a futura relación estatutaria do persoal con contratos Río Hortega e Juan Rodés e o seu encadramento extraordinario na carreira profesional. O acordo foi asinado polo Servizo Galego de Saúde con todos os sindicatos que forman parte da mesa sectorial (CIG, CSIF, CCOO e UGT).

Para impulsar a investigación en ciencias e tecnoloxía da saúde, avanzando na implantación da figura do persoal investigador estatutario, este acordo implica que o persoal especialista que sexa seleccionado polo Instituto de Salud Carlos III, para os contratos de investigación dos programas Río Hortega e Juan Rodés, será vinculado no Servizo Galego de Saúde mediante nomeamentos estatutarios, no canto dos contratos laborais utilizados ata a actualidade. Igualmente acordouse que os máis de 20 contratos laborais actualmente vixentes se mudarán, co consentimento da persoas afectadas, a nomeamentos estatutarios.

Esta medida está xustificada, fundamentalmente, porque se trata de persoal especialista que simultaneou a investigación con parte da actividade asistencial hospitalaria da correspondente especialidade, con plena incorporación na organización dos servizos.

Como medida adicional, este persoal poderá incorporarse inmediatamente ao sistema de carreira profesional, en función da súa antigüidade e nas condicións que se aplicaron recentemente ao resto de persoal facultativo especialista. En consecuencia, o persoal máis antigo dos programas Río Hortega e Juan Rodés xa poderá acceder este ano a un grao de carreira profesional, co conseguinte incremento retributivo de máis de 3.000 euros. O restante persoal, en función da súa antigüidade, beneficiarase desta medida nos próximos anos.

Finalmente, o acordo recolle como prioridade de futura negociación a definición das categorías profesionais específicas para o persoal estatutario investigador.

25 de xaneiro de 2024 | 16:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.