publicidade hoxe

O DOG publica unha nova convocatoria con 700.000 euros para que entidades sen ánimo de lucro impulsen a inserción de vítimas de violencia de xénero

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada dereitaProvincias
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia dá publicidade hoxe a unha convocatoria da Xunta, dotada con 700.000 euros, para apoiar este 2024 ás entidades sen ánimo de lucro na promoción da inserción social e laboral das vítimas de violencia de xénero.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade financiará con esta iniciativa os programas deseñados por entidades encamiñados a favorecer a integración laboral destas mulleres, xa que o emprego é o primeiro paso para acadar a independencia con respecto dos seus agresores.

As axudas, cunha contía máxima de 80.000 euros por entidade, van dirixidas á posta en marcha por parte dos colectivos de itinerarios de inserción que inclúan un plan de acción personalizado para a busca de emprego, orientación profesional e asesoramento laboral, así como un acompañamento na busca activa de traballo e outras accións dirixidas a incrementar as posibilidades de inserción laboral das participantes.

Tamén se apoiarán iniciativas de formación para o emprego co fin de formar e capacitar ás mulleres para o seu acceso ao mercado de traballo, así como actuacións de impulso á conciliación dirixidas a facilitar a participación das mulleres nas accións establecidas no seu itinerario de inserción sociolaboral e na formación para o emprego.

A Xunta, ademais, inclúe neste programa de axudas bolsas específicas para compensar determinados gastos nos que se poidan incorrer por participar no programa e que incentive a súa participación no mesmo.

A orde de axudas establece a obriga de acadar un mínimo do 10% de inserción laboral das participantes na iniciativa.

O prazo de solicitude comeza mañá e permanecerá aberto ata o próximo 15 de febreiro.

Esta medida que impulsa a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade enmárcase nas accións incluídas por Galicia no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Forman parte do conxunto de actuacións que a Xunta desenvolve desde hai anos para apoiar ás vítimas e acompañalas no seu proceso de recuperación.

15 de xaneiro de 2024 | 16:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.