publicidade hoxe

O DOG publica a convocatoria das axudas destinadas a fomentar a contratación de seguros agrarios, cun orzamento de 8,5 M€

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural a través da cal se convocan as axudas para o fomento da contratación de seguros agrarios por parte dos agricultores e gandeiros galegos neste 2024, dotada cun orzamento de 8,5 millóns de euros. A contratación ou formalización dunha póliza, será considerada solicitude de axuda sempre que se atope dentro dos prazos establecidos na normativa do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e se achegue previamente a información necesaria para que sexa efectiva.

As achegas cubrirán un máximo do 75% do custo da póliza, sumando os fondos autonómicos e estatais aportados para esta finalidade. Isto constitúe unha novidade na convocatoria para o 2024, xa que nas anteriores o máximo financiado chegaba ao 65%. Cómpre engadir que as pólizas contratadas por entidades asociativas de agricultores e gandeiros teñen unha subvención adicional do 4%.

Os seguros son voluntarios, pero a Consellería do Medio Rural considera imprescindible o aseguramento nunha explotación agraria profesional, polo que incentiva a súa contratación coa súa inclusión nos criterios de concesión das axudas agrarias, como as dedicadas á incorporación de mozos ao sector ou a investimentos nas explotacións.

Cubertas ante imprevistos

As explotacións agrícolas, gandeiras e forestais enfróntanse a riscos imprevisibles que poden afectar ós seus rabaños, colleitas ou producións, e que polo tanto comprometen a súa viabilidade económica. Na produción vexetal destaca a posibilidade da destrución das colleitas ou das masas arbóreas como consecuencia de sinistros meteorolóxicos extemporáneos, os cales teñen unha tendencia a aumentar a medida que evoluciona o cambio climático. As xeadas, salpedreses, inundacións, temporais ou secas son algunhas das principais causas de perdas económicas.

Por outra banda, están as enfermidades ou accidentes fortuítos que afectan ás mandas, e que supoñen a perda de animais ou das súas producións nas explotacións gandeiras.

Eliminar a incerteza económica derivada destas circunstancias é un dos grandes desexos do sector produtor e das administracións públicas. O seguro agrario é un factor de enorme estabilidade do sector e un instrumento para garantir as rendas agrarias.

Este sistema cobre producións agrícolas e gandeiras. Está considerado como un dos mellores a nivel mundial. Todas as entidades aseguradoras españolas importantes forman parte de Agroseguro.

Porén, a medida que máis fomenta os seguros son as subvencións directas, sen trámites adicionais para o asegurado. Deste xeito, Agroseguro xestiona as axudas de ENESA e da Consellería do Medio Rural, sen que o beneficiario teña que facer unha solicitude específica.

12 de xaneiro de 2024 | 12:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.