publicidade hoxe

Galicia aposta un ano máis polas bandeiras azuis para acreditar a calidade das augas e servizos da súa costa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaionaGaliciaLocal PortadaPortada dereitaProvincias
A-
A+
Ángeles Vázquez na renovación da colaboración con Adeac

Ángeles Vázquez na renovación da colaboración con Adeac

Galicia aposta un ano máis polas bandeiras azuis para acreditar a calidade das augas e servizos da súa costa así como poñer en valor o seu patrimonio e a súa imaxe turística a nivel nacional e internacional. Ese é o obxectivo da renovación do convenio entre a Xunta e a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac) -que outorga estes distintivos- para 2024 e que asinaron hoxe a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o presidente da entidade, José Palacios.

A responsable autonómica salientou que deste xeito a comunidade se somete un ano máis ao escrutinio do xurado para determinar a calidade dos seus areais, dos portos deportivos e dos clubs náuticos. O convenio -que conta cun orzamento de 57.500 euros- supón que o Executivo galego asuma o custo da participación de Galicia con accións como o estudo e avaliación das candidaturas, a inspección das praias, o asesoramento a concellos durante a tempada de baño e a realización de accións formativas e de educación ambiental.

A vicepresidenta segunda, que estivo acompañada polo alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, e pola directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, explicou que todos os concellos galegos que o desexen, así como os portos deportivos e clubs náuticos, poden presentar de forma gratuíta as candidaturas para obter a bandeira azul. De feito, animounos a iniciar este proceso para acadar o recoñecemento neste exercicio.

Ángeles Vázquez subliñou que o programa bandeira azul é a iniciativa deste tipo “mellor valorada internacionalmente e pola opinión pública así como a máis asentada e estendida” xa que é a que conta cunha maior traxectoria.

Nesta liña, a responsable autonómica lembrou que Galicia sempre se atopa nos primeiros postos a nivel nacional en canto a distintivos azuis, con máis de 170 en 2023. De feito, xa neste 2024 a comunidade mellorou os seus resultados no eido dos sendeiros azuis, con 14 máis que o ano pasado e acadando os 49.

A vicepresidenta segunda mostrou ademais a súa confianza en que Galicia volva liderar este ano a clasificación de comunidades con máis bandeiras azuis pois trátase dun “reclamo turístico innegable” que permite facer das costas galegas un destino atractivo promovendo a economía e o emprego en todos os sectores vencellados co turismo.

29 de xaneiro de 2024 | 15:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.