Emigración abre o prazo de solicitude das axudas extraordinarias para as familias retornadas que este ano contan cun orzamento de 2 M€
O Diario Oficial de Galicia publicou hoxe a convocatoria da liña de axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas e que teñen como obxectivo axudarlles a afrontar os gastos excepcionais que supón o seu asentamento na comunidade autónoma. En total, a Xunta destina a este fin un orzamento para 2024 de 2 millóns de euros.
O fomento do retorno dos galegos e galegas do exterior é unha das liñas estratéxicas do Goberno autonómico para facer fronte ao reto demográfico, non só como unha cuestión poboacional, senón que se trata tamén de sumar talento para enriquecer o tecido empresarial.
A axuda pódese solicitar dende mañá, martes 30, ata o próximo 30 de setembro.
O importe da axuda establécese en función dos puntos obtidos ata chegar a un límite de 6000 euros, xa que se incrementa a axuda se a familia reside nun concello rural, e en función do número de fillos. Os principais países de procedencia das persoas beneficiarias son, segundo os datos dos últimos anos, Venezuela, a Arxentina, o Brasil, Cuba, Uruguai, México, Suiza, Alemania, Francia e Reino Unido, os Estados Unidos e Chile. A maioría dos beneficiarios eran fillos de nacidos en Galicia, aínda que se está a notar un aumento no número de netos retornados.
Todos os galegos e galegas do exterior que desexen volver a Galicia contan co apoio da Oficina integral de asesoramento e seguimento ao retorno, situada nas principais cidades galegas e onde se lles facilita toda a información e tamén un proceso de acompañamento que precisan no seu regreso, mesmo antes de que se produza esta volta, desde o seu país de residencia. Agora tamén, nunha oficina móbil que percorrerá toda Galicia.