A Xunta encarga a redacción do proxecto para executar unha nova senda peonil na estrada AC-433, entre Laxe e os núcleos de Serantes e Castrelo
A Xunta vén de encargar a redacción do proxecto para executar unha nova senda peonil na estrada AC-433, entre Laxe e os núcleos de Serantes e Castrelo.
O obxectivo desta intervención é conseguir un itinerario continuo, ao comunicar a nova senda cos treitos xa executados nesta mesma estrada, nos núcleos de Soesto e Serantes.
Para iso, na redacción do proxecto será necesario concretar por que marxe da estrada se debe proxectar cada tramo de itinerario e tamén como realizar os cruces das persoas, de ser necesario.
A elaboración do proxecto da nova senda enmárcase no servizo de redacción de proxectos en materia de estradas nas catro provincias contratado pola Xunta. Este contrato, que supón un investimento de 4 M€, permitirá atender as necesidades de redacción de proxectos nos próximos anos en materia de mobilidade sostible, seguridade viaria ou conservación de estradas.
A redacción do proxecto da nova de Laxe, que terá un uso preferentemente peonil, debe contemplar unha sección mínima de 2 metros e sen separador vexetal.
Este novo tramo daralle continuidade ás sendas executadas nesa mesma estrada, en Soesto e Serantes, concretamente nunha área na que se concentran a maioría das vivendas da zona, favorecendo os desprazamentos a pé nunhas condicións de maior seguridade.
En concreto, en Soesto, o itinerario de uso compartido, peonil e para ciclistas non deportivos, une os lugares de Arrueiro e Castrelo, partindo desde a intersección da actual estrada autonómica coa antiga traza.
No caso da senda de Serantes, ten unha lonxitude de 720 metros e vai pola marxe da estrada actual, pero apoiada na antiga traza, entre os núcleos de Conlle e O Piñeiro. O itinerario transcorre pola dereita, proporcionando un itinerario seguro cara á igrexa de Santa María de Serantes e ao cemiterio.