publicidade hoxe

A Xunta distribuirá entre os centros educativos novo material didáctico para traballar a lectoescritura en lingua galega

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada dereitaProvincias
A-
A+

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na presentación do proxecto Divertímonos xogando coas nosas palabras, un xogo didáctico orientado ás primeiras etapas educativas co que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades reforzará a aprendizaxe da lectoescritura en lingua galega ao tempo que favorece a adquisición de vocabulario galego entre a cativada.

“Trátase dun recurso innovador e motivador polo seu carácter lúdico e manipulativo a través do cal se reforza a aprendizaxe non só da escritura e da lectura, senón tamén do noso léxico”, destacou Valentín García. “A transmisión interxeracional da lingua é fundamental nas primeiras etapas educativas e precisamente é aí onde centramos os nosos esforzos con proxectos como este, que se suman a grandes iniciativas como o programa de dinamización lingüística 21 días co galego e +, que este ano trasladamos por primeira vez á etapa infantil”, engadiu.

No acto de presentación, que acolleu o CEE María Mariño da Coruña, tamén participaron a directora do centro, Mª Luz Barreiro, e as autoras do proxecto, as profesoras Eva Uceira e Rosa Mary González.

Ata nove xogos diferentes

A través deste proxecto o profesorado poderá traballar, en grupo ou individualmente, a conciencia fonolóxica, un dos mellores compoñentes para a aprendizaxe da lectoescritura e para a adquisición de vocabulario implícito e explícito.

O proxecto consta de dous xogos recollidos nunha pequena caixa de cartón cos que traballar, segundo se decida, a conciencia léxica, silábica ou fonémica. O primeiro deles consta de 175 tarxetas con fotos reais a cor coas que o profesorado poderá realizar ata oito actividades diferentes. O segundo xogo, Descubre o intruso, está composto por 70 discos. Cada un deles consta, á súa vez, de cinco fotografías, das cales catro coinciden na sílaba ou no son e outra non ten relación fonética coas anteriores. Neste caso, o alumnado terá que identificar en que coinciden as catro imaxes e indicar por que o intruso non forma parte dese grupo silábico.

29 de xaneiro de 2024 | 16:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.