publicidade hoxe

Rueda erixe a sociedade Recursos de Galicia como garante de que a xestión da riqueza natural da comunidade se traduza en riqueza social

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Presentación pública desta nova sociedade mixta

Presentación pública desta nova sociedade mixta

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor hoxe a creación hoxe da sociedade mixta Recursos de Galicia como a “primeira pedra” para garantir que a xestión da riqueza dos recursos naturais galegos se traducirá sempre en riqueza social para a comunidade.

Así o salientou durante o acto de constitución e presentación pública desta nova sociedade mixta no Museo do Pobo Galego, onde estivo acompañado da conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, e dos conselleiros de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e Medio Rural, José González.

O mandatario galego destacou o enorme potencial da comunidade galega para ser un “actor de primeiro nivel” na transición enerxética que se está a vivir e advertiu que Galicia non pode desaproveitar a oportunidade que brindan os recursos naturais dos que dispón. “Non imos resignarnos a quedar á marxe do desenvolvemento das enerxías verdes en toda Europa: aspiramos a estar no centro”, aseverou, ao tempo que avogou por que os beneficios da explotación destes recursos repercutan no conxunto do pobo galego e se repartan colectivamente.

Máis de 30 empresas e a Xunta como socia maioritaria
Para isto, defendeu o papel que vai desenvolver a sociedade mixta Recursos de Galicia, á que cualificou de “ambiciosa e sen precedentes na nosa contorna”. Incorpora máis de 30 empresas que sosteñen máis de 20.000 empregos directos e que achegan ao Produto Interior Bruto autonómico case 11.000 millóns de euros cada ano. A todas elas, Rueda agradeceulles a súa vocación de sumarse a un proxecto “en beneficio para Galicia”, a vez considerou que a súa participación demostra a “amplísima unidade” do tecido económico galego.

Entre as empresas que participan en Recursos Galicia están Abanca, Finsa, Megasa, Valtalia, Copasa, Gesuga, o Grupo Nogar, Pérez Rumbao, Jealsa, Revi, Profand, Gadisa, Ence, Exlabesa, ARP Global, AIN Active, Severiano, Intaf, Genesal, Industrial Recense, Mecanizados Acebrón, Cover Global, Edigal, Tecdesoft, Ertec Iberia, Integria Energía Empresas, Eroxona, Sertogal, Twinleads, Wind1000, Epifanio Campo, Aceites Abril e Megaro Foods.

En todo caso, o presidente da Xunta apuntou que as portas desta sociedade están abertas tamén para calquera empresa, sexa cal sexa o seu tamaño, ou Administración local que se queira incorporar aos proxectos específicos que irá desenvolvendo.

Rueda puxo en valor que a carón de todas elas estará a Xunta de Galicia cun 30 % das accións, converténdose así na socia maioritaria de Recursos de Galicia. Segundo precisou, contará cun desembolso progresivo de 30 millóns de euros ata 2027. A súa participación articularase a través de Impulsa Galicia.

Enerxías verdes, aproveitamento riqueza mineral e concesións de augas

Na súa intervención, o titular do Executivo galego precisou que Recursos de Galicia participará directamente en proxectos de xeración de enerxías verdes, de aproveitamento da riqueza mineira ou iniciativas que requiran concesións de augas.

No entanto, Rueda aclarou que non actuará como un operador calquera no mercado, senón que buscará ser unha “referencia e unha guía” para os demais axentes sociais. Deste xeito, fixo especial fincapé en que procurará que os proxectos enerxéticos supoñan beneficios para as comunidades locais coas que comparten territorio. Tamén velará por que se traduzan en máis traballo para as empresas dos seus lugares, á vez que destacou que fomentará o autoconsumo de fontes renovables e a eficiencia enerxética.

En resumo, definiu a actividade de Recursos de Galicia como un “catálogo de boas prácticas” para as empresas do sector enerxético e considerou que lles permitirá demostrar a parques eólicos, centrais hidráulicas e solares ou as minas que “non son estranxeiros na terra na que se asentaron” senón figuras “claves” na cohesión e no progreso da veciñanza.

Punta de lanza da Lei de recursos naturais de Galicia

Por este motivos, erixiu a sociedade Recursos de Galicia como “punta de lanza” da futura Lei de recursos naturais de Galicia —coa que comparte obxectivos — e da que salientou o seu carácter “pioneiro” xa que cambia o paradigma da regulación dos proxectos enerxéticos. Así, dentro da xa “moi esixente” avaliación de impacto ambiental, salientou o feito de deberán incorporar tamén un estudo do seu impacto socioeconómico e das medidas que propón a entidade promotora para compensalos.

Como exemplo algunha destas medidas de contrapeso, situaríase a posibilidade da incorporación de investidores ou traballadores locais, o uso de I+D+i producida en Galicia, o reinvestimento dos beneficios en accións sociais e patrimoniais ou a redución dos custos enerxéticos para as persoas da contorna.

Neste senso, Rueda lembrou que en Galicia as tres cuartas partes da enerxía producida xa é renovable, por riba do obxectivo para 2030; a xeración de enerxía supón arredor dun 5 % do PIB; e, ademais de ser a quinta maior consumidora de enerxía para a industria, a Comunidade está atraendo o interese de moitos proxectos que requirirán dun subministro de enerxía a prezos competitivos.

Por todos estes motivos, argumentou que falar de enerxía é falar de postos de traballo, de riqueza e dun dos principais vectores de futuro para a nosa comunidade. Por iso, defendeu que o desenvolvemento enerxética debeabordarse con “rigor, con credibilidade e con valentía” e concluíu que isto é o que teñen claro todos os socios que se suman hoxe a esta “aventura”.

13 de novembro de 2023 | 18:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.