publicidade hoxe

Rivo salienta que o informe GEM amosa que 2022 foi un ano positivo para o emprendemento en Galicia coa segunda taxa de actividade máis alta en 13 anos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada esquerdaProvincias
A-
A+

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou hoxe na presentación do informe GEM 2022/2023 que reflicte que 2022 foi un ano positivo para o emprendemento en Galicia. A Taxa de Actividade Emprendedora (TEA) na comunidade galega elevouse ata o 5,4 %, 0,6 puntos máis que en 2021, sendo o segundo valor máis alto desde 2010 e moi próximo ao acadado nos últimos dez anos (5,6 % en 2018).

Referido ás mulleres, o informe, que elabora a Universidade de Santiago de Compostela en colaboración coa Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e a Xunta, amosa que o emprendemento feminino segue a crecer, cunha taxa de actividade emprendedora feminina que se sitúa no 6,7 %, por encima da media deste indicador e case un punto e medio máis que en 2021 (5,3 % en 2021). Ao respecto, afirmou que a muller xoga un papel clave e decisivo porque, segundo apuntou, a igualdade de oportunidades achega diversidade, talento, innovación e maior produtividade ao tecido empresarial. Resaltou, así mesmo, que todas as emprendedoras galegas son unha peza clave para a economía galega e para que Galicia sexa unha terra próspera e igualitaria.

O informe GEM, ademais, como novidade este ano, inclúe unha monografía, no capítulo 6, sobre o papel da economía social en Galicia, que representa o 7 % do PIB autonómico e implica a máis de 100.000 persoas na comunidade. A economía social, estase a demostrar, en palabras de Rivo, que achega resistencia e fortaleza en períodos de crise e é, ademais, tal e como subliñou, sustentable e baséase en valores como a equidade, a cohesión social e a solidariedade. Neste senso, o estudo GEM salienta que o modelo da economía social é cada vez máis valorado, sobre todo para as persoas con formación universitaria, e sinala a existencia dun maior interese por algunha das fórmulas de economía social nas empresas de recente creación.

A conselleira de Promoción do Emprego resaltou que este modelo destaca polos seus valores e porque tamén aporta fixación de poboación no territorio, por iso, indicou que a Xunta de Galicia avoga pola economía social e, así, avanzou que a Administración autonómica acaba de iniciar a tramitación da nova Lei galega de cooperativas para axilizar a creación de novas entidades e estendelas a todos os sectores.

Rivo, en definitiva, indicou na súa intervención que o emprendemento é motor económico de Galicia e asegurou que Impulsar o emprendemento equivale a apostar polo progreso, a creatividade e a innovación. Por iso, lembrou que a Xunta está a despegar por toda Galicia a Rede de polos de emprendemento para apostar polo talento e para converter Galicia “nunha terra chea de oportunidades na que ningún soño emprendedor quede nun caixón”.

13 de novembro de 2023 | 18:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.