publicidade hoxe

A Xunta reforza o Servizo de Gardacostas de Galicia cun incremento do 12% nos orzamentos 2024 ata alcanzar os 30,2 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, puxo en valor o seu reforzo nos Orzamentos 2024 ao Servizo de Gardacostas cun incremento do 12% e que acadan os 30,2 millóns de euros e permite dotar o servizo de dous novos helicópteros máis modernos e con mellores prestacións así como de dúas novas patrulleiras. O responsable autonómico fixo estas manifestacións na súa visita á sala de operacións de Gardacostas de Galicia na capital galega na que estivo acompañado polo subdirector xeral do Servizo, Lino Sexto.

O conselleiro destacou que Galicia é a única comunidade que dispón deste servizo operativo as 24 horas os 365 días do ano e que nos seus máis de 30 anos de historia salvou a máis de 1.800 persoas, intervencións que sempre de realizaron de forma gratuíta. O titular de Mar reclamou co ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana asuma o coste íntegro do servizo autonómico de Gardacostas xa que realiza un traballo que é competencia do Goberno central. Tamén lamentou que sexa a Xunta de Galicia a que asuma en solitario o financiamento deste departamento e xustificou esta demanda en que o Estado non dispón dos medios aéreos e marítimos suficientes para actuar dentro das súas competencias polo que resulta indispensable a actuación de Gardacostas.

No ano 2022 foron realizadas preto dun centenar de intervencións, máis da metade polos medios aéreos, sendo as causas máis comúns as evacuacións médicas de pasaxeiros e tripulantes, a procura e rescate de persoas desaparecidas ou en perigo así como traballos de remolque de barcos e recollida de materiais á deriva no caso dos medios marítimos. Para estas actuacións cóntase con dous helicópteros de rescate con base en Vigo e en Celeiro e cunha frota de 5 buques itinerantes e outras 19 embarcacións distribuídas en nove bases operativas en cuxa renovación se leva investidos nos últimos anos máis de 10 millóns de euros.

Loita contra o furtivismo

Outra das misións de Gardacostas é a loita contra o furtivismo co dobre obxectivo de garantir cos produtos pesqueiros que chegan ao consumidor proveñan de canles legais e con todas as garantías para o seu consumo, así como evitar o dano que provoca a actividade irregular no sector profesional. Ata setembro incrementáronse o número de inspeccións ata as 8.430, baixando case un 7% o número de infraccións, nas que se comisaron máis de 22 toneladas de peixe e marisco, destacando tamén un importante descenso no número de incautacións de artes e aparellos nun 30%.

Este traballo estase fortalecendo na actualidade coa posta en marcha dun concurso oposición para a contratación de 22 axentes vixiantes/mariñeiros e mediante a subvención por parte da Consellería do Mar da contratación de gardapescas por parte das confrarías que suman 163 efectivos. Ademais, nos últimos anos reforzouse o Servizo de Inspección Veterinaria de Gardacostas, ata alcanzar un corpo de 20 inspectores para mellorar a trazabilidade co control dos produtos que chegan ao mercado.

6 de novembro de 2023 | 16:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.